INDUSTRIA

As pemes acceden a novas fórmulas para investir en innovación

22
photo_camera A liña de axudas á Industria 4.0 apoiará especialmente investimentos centrados no denominado novo modelo industrial.

Financiar máis de 100 proxectos desenvolvidos no ámbito da Industria 4.0, iniciativas impulsadas por novos emprendedores e proxectos innovadores é o obxectivo do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIS)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poñerá en marcha esta nova medida, dotada con 33 millóns de euros e cofinanciada ao 80% con fondos Feder, coa que se prevé mobilizar 60 millóns de euros en investimentos de pemes galegas. 

Os préstamos, comprendidos entre 50.000 euros e un millón, contarán con prazos de amortización de entre 7 e 12 anos, e incluirán unha subvención para rebaixar os custos financeiros, polo que os xuros a pagar polos beneficiarios poderían quedar no 0%. Un dos obxectivos dos instrumentos financeiros innovadores é conseguir que o financiamento das entidades financeiras privadas cubra entre o 25 e o 40% dos investimentos apoiados. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde a publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2018. 

A liña dirixida á Industria 4.0 apoiará especialmente investimentos centrados no denominado novo modelo industrial. Os importes dos préstamos poderán ir desde 65.000 euros ata un millón, para cubrir ata o 65% dos investimentos en novos centros produtivos, ampliacións de capacidade ou liñas de fabricación de novos produtos. Terán prioridade proxectos que inclúan tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a Industria 4.0: robotización, fabricación aditiva, sensórica, sistemas cíber-físicos, automatización, conectividade, vehículos autónomos, dixitalización, big data ou Loxística 4.0.

A segunda tipoloxía de préstamos irá destinada a sociedades mercantís constituídas maioritariamente por novos emprendedores e cunha antigüidade máxima de 42 meses. O importe dos préstamos, que financiarán ata o 50% dos activos fixos e capital circulante necesario para a posta en marcha de novos negocios, poderá oscilar neste caso entre os 50.000 e os 200.000 euros. Terán prioridade tamén modelos de negocio novidosos e proxectos vinculados aos obxectos da Axenda Industria 4.0 e á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

A través da terceira liña de financiamento concederanse préstamos comprendidos entre 50.000 e 500.000 euros para financiar investimentos innovadores de pemes, especialmente de base tecnolóxica, startups, e tamén empresas de traxectoria contrastada que deciden impulsar proxectos innovadores. En concreto, os proxectos deberán estar aliñados coas prioridades e obxectivos da RIS3.

Ponse en marcha un programa de préstamos de entre 50.000 e un millón de euros 

Estes novos instrumentos de financiamento ás pemes articúlanse, a través de fondos Feder do marco 2014-2020, como unha fórmula para completar o labor das entidades financeiras e atender necesidades de financiamento postas de manifesto na avaliación previa levada a cabo polo Igape, de acordo co previsto na normativa comunitaria que regula os fondos europeos no marco 2014-2020.

O novo programa de préstamos vén reforzar os instrumentos integrados no Galicia 1000 para achegar financiamento axeitado a todos os proxectos empresariais viables. O programa Galicia 1000 prevé achegar este ano financiamento a 3000 pemes, despois de apoiar máis de 5000 empresas nas tres primeiras edicións.

Agrobiotech apuntala a competitividade de dez pemes galegas

A aceleradora Agrobiotech Innovación, que conta coa colaboración do Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole, foi posta en marcha en 2015 pola Axencia Galega de Innovación co obxectivo de incrementar o nivel de excelencia de pemes innovadoras galegas que amosan potencial de crecemento e que están centradas en sectores priorizados pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), en concreto: biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa.

Na primeira edición da aceleradora de innovación participaron 11 pemes galegas. A maioría delas experimentaron un importante crecemento reflectido xeralmente nun incremento da súa facturación e creación de emprego. De feito, produciuse un incremento medio da facturación dos participantes dun 4% e creáronse máis de 70 postos de traballo. 

Ademais, os participantes acadaron un maior grao de internacionalización, representado nalgúns casos por un marcado aumento das súas exportacións ou polo establecemento de acordos comerciais e accións de promoción no exterior. Algúns socios conseguiron  importantes avances no ámbito do liderado de produto, mentres que outros deron os seus primeiros pasos no programa europeo Horizon2020 ou lograron importantes acordos e colaboracións, tanto a nivel nacional como internacional. Colocaron 60 novos produtos no mercado europeo, e 50 no mercado global. 

A aceleradora Agrobiotech xa arrancou a súa segunda edición con dez empresas

Na segunda edición, xa en marcha, participan dez pemes innovadoras das catro provincias galegas. A súa distribución por sectores é: cinco do sector agroalimentario (Glecex, Fiablone, Queixería Prestes, Xenotechs e Veigas de Sabugueiro) catro do sector biotecnolóxico (Allgenetics, Qubiotech, Biostatech e Indrops Laboratorio); e unha do sector biomasa (Biomasa Forestal). 

O programa ofrece un plan de traballo á medida das necesidades das pemes seleccionadas en catro ámbitos: excelencia operativa e innovación aberta; financiamento de proxectos europeos H2020; liderado de produto; e comercialización e internacionalización. 

Ademais das actividades realizadas no itinerario principal, o programa ofrece actividades de capacitación complementarias e eventos especializados. Entre os eventos programados, destaca a próxima celebración do II Encontro Agrobiotech Innovación, un congreso multisectorial que se celebrará en Tecnópole (Ourense) os vindeiros 26 e 27 de outubro, así como a VII edición da Lonxa de investidores no ámbito de Ciencias da Vida organizada por BIOGA (Clúster tecnolóxico empresarial das Ciencias da Vida), co obxetivo de facilitar o acceso á captación de financiamento, que se celebrará en Lugo o vindeiro 25 de outubro.

Te puede interesar