POLíTICA

As asembleas abertas darán 
a pauta do programa do BNG

photo_camera Os membros do Consello Nacional do BNG, no encontro que mantiveron en Santiago (MARTIÑO PINAL)

O Consello Nacional do Bloque pretende coa iniciativa "ampliar a base social do nacionalismo"

O Consello Nacional do BNG aprobou onte elaborar o programa e as candidaturas para as eleccións municipais a partir das propostas que saian das asembleas abertas e concorrer aos comicios de maio coa denominación 'BNG-Asembleas Abertas'. Con este, a formación asegura dar "un paso cualitativo" no proceso de asembleas abertas iniciado en setembro co obxectivo de "ampliar a base social do nacionalismo" e "sumar cidadanía para facer fronte ao PP" nas urnas.

O Bloque quere así enviar "unha mensaxe inequívoca da súa aposta por integrar a toda a cidadanía rebelde que quere participar directamente na política dos seus concellos". Fai un chamamento a esa xente "que aposta por un proxecto nacionalista e transformadora para o conxunto de Galicia e ve no BNG a ferramenta política máis adecuada para implantalo".

A aquel cidadán que "ve nos comicios municipais a primeira oportunidade para derrotar aos partidos políticos que sosteñen un réxime corrupto, que empobrece á maioría social e nega o dereito a decidir o seu futuro", indicaron ao termo do Consello. Os nacionalistas explican que 154 asembleas abertas por todo o país, cunha participación de case 6.000 persoas, das que case o 60% non era militante, "permitiron ao Bloque pulsar dende a base o sentir dunha cidadanía activa, rebelde, que aposta por un proxecto en clave nacional que inclúa a rexeneración das institucións, a loita contra a corrupción e concellos con proxectos de creación de riqueza dende a solidariedade cos maltratados pola crise".

Con esa experiencia, defende promover agora "unha segunda fase" de asembleas abertas con grupos de traballo concretos.

Te puede interesar