O BNG presenta no Senado unha emenda de supresión da reforma e pide a convocatoria de referendo

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, rexistrou este luns unha emenda de supresión da reforma da Constitución proposta por PSOE e PP, que se debate o martes na Comisión Constitucional da Cámara Alta e un día máis tarde no Pleno. Ademais, nela pide a convocatoria dun referendo para que sexan os cidadáns os que decidan sobre este cambio.
Como xa fixesen os deputados do BNG no Congreso, Pérez Bouza reitera na súa emenda a 'rotunda oposición' dos nacionalistas galegos á 'contrarreforma' constitucional dos dous partidos maioritarios 'tanto por cuestións de forma coma de fondo'.

Neste sentido, o senador reprocha a PP e PSOE a 'tramitación sumarísima, vía expreso, nunha cuestión de tanta relevancia como é a modificación da Constitución', e recorda que 'en cinco minutos contradixeron as súas posicións tradicionais de que a Constitución non se toca' para presentar 'unha reforma que debería pasar previamente a consulta popular'.

Así pois, defende a celebración dun referendo para que a sociedade se poida pronunciar porque 'ese é o auténtico camiño que marca a democracia e non as manobras na escuridade con premeditación e aleivosía'.

IMPEDIUSE O DEBATE

Para Pérez Bouza, 'a reforma constitucional non se axusta aos máis elementais principios democráticos, posto que se está a impedir un debate serio e en profundidade e, ademais, se acouta o debate con prohibicións como a de non presentar propostas ou emendas para que se celebre un referendo'.

'Por moito que falen de Alemaña como exemplo, hai que recordar que alí a reforma da Constitución estivo precedida por dous anos de debates e reflexións, nada que ver co proceso de quince días imposto por PP e PSOE', engade.

Ademais, o senador do BNG critica o fondo da reforma porque, ao seu xuízo, 'plasma na Constitución unha norma que segue un determinado ideario económico como única opción de política económica', ao tempo que advirte de que 'a obsesión por limitar o déficit prexudica a capacidade de manobra dos poderes públicos para que poidan dinamizar a economía e implica unha contención do gasto público cos conseguintes recortes nos servizos públicos esenciais'.

Te puede interesar