ENTREVISTA

Caballero: "Somos unha opción sólida e viable para a maioría que ve que Galicia non vai ben"

O Secretario xeral do PSdeG analiza a situación actual da Autonomía así como o obxectivo que se marcan os socialistas para as próximas municipais

Gonzalo Caballero, na sede do PSdeG en Santiago.
Gonzalo Caballero, na sede do PSdeG en Santiago.
Caballero: "Somos unha opción sólida e viable para a maioría que ve que Galicia non vai ben"

Oito meses despois de tomar  a batuta dun PSdeG con máis dúbidas que certezas, Gonzalo Caballero trata de marcar o rumbo dun partido que pasou en sete anos do Goberno galego a ser a terceira forza no Parlamento. Trala moción de censura en Madrid, Caballero está convencido de que o "efecto Pedro Sánchez" chegará a Galicia para recuperar a Xunta en 2020.

Hai estabilidade no PSdeG por fin?

Levamos oito meses recuperando forza e músculo no territorio. Creo que conseguimos visualizar de novo un PSdeG activo e dinámico, que pode configurar unha opción fiable para unha maioría social de galegos que ven que Galicia non vai ben.

Gonzalo Caballero, secretario xeral del PSdegEstá pechada esa ferida que se abriu tras rematar o bipartito?

Tentouse abrir un ciclo novo, pero o certo é que tivemos dificultades para remontar aquela situación. Estamos vivindo tempos distintos, boa parte deles marcado pola nova etapa con Pedro Sánchez. O PSdeG está demostrando que sabe conseguir una opción política sólida, que non supón un experimento cara ningures senón que é unha opción viable.

Este cambio de Goberno en Madrid é un acicate inesperado.

O PSOE quere ser unha referencia na esquerda e alternativa ó PP, non cómplice dos gobernos da dereita. Conseguimos reconstruir a historia da esquerda, perder os complexos que tiñamos, pedir votos sen que iso implique facer ningunha concesión contraria ó noso proxecto. Hai un retroceso electoral moi claro do PP en España e Galicia, evidenciando que se abre un novo tempo que nos permite recuperar a conexión co electorado e gobernar agora España e traballar para facelo en Galicia.

Pódese con 84 deputados?

Somos conscientes de que a aritmética parlamentaria é complexa. Agora ben, en España era imprescindible retirar ó PP e a Rajoy do Goberno por negarse a recoñecer a corrupción.

Non bota de menos peso galego no equipo de Pedro Sánchez?

Creo que a Galicia lle irá ben cun goberno que tome medidas de progreso social, que dea solucións ós problemas de España, que atenda ás necesidades dun país no que as pensións e salarios son máis baixos e ten un problema demográfico. O que si sabemos é que co goberno do PP de Rajoy, que era galego, a Galicia non lle ía ben. E Feijóo era cómplice. As medidas socialistas son máis necesarias que nunca nun lugar como Galicia, con recortes nos servizos públicos, debilitamento do sector productivo, abandono do rural, sen dinamismo demográfico. Ese é o balance de Feijóo, un mal presidente para Galicia.

Sorprendeulle que Feijóo non opte a suceder a Rajoy?

Fixo un teatro político co seu anuncio dicindo que quería servir a Galicia pero á vez evidenciando a súa insatisfacción con aquelo que anunciaba. Responde ó seu tacticismo en clave electoral e ás informacións que ten sobre como vai ser o escenario político en España para o PP.

Fala de todas esas eivas, pero Galicia segue sendo o principal bastión do PP. Algo se faría mal.

É certo que o balance de Feijóo e
do PP é negativo, pero tamén que o PSdeG tiña un reto que cubrir.

Liderado por Gonzalo Caballero nas próximas autonómicas?

Tivemos un proceso de primarias para elixir o secretario xeral, voume adicar catro anos e a miña folla de ruta era traballar para conseguir un cambio de ciclo que leve ó PSdeG á Xunta. Todos somos instrumentos ó servizo da causa e eu son un máis.

Pero é o máximo representante. Gustaríalle ser candidato?

Farei o que sexa mellor para o partido. Os intereses colectivos están por riba de calquera individual.

Nesa folla de ruta, entrar no Parlamento é unha opción?

Trasladei cando fun elixido que o meu esforzo se ía centrar na secretaría xeral. Tamén son profesor, manteño obligacións docentes para amosar que un ven á política coa vida resolta, coa súa tarefa profesional e entendendo a política como un servizo público, non para buscar a promoción persoal ou económica. É importante isto, estou atendendo toda a axenda política do PSdeG con plenitude, recorrendo as catro provincias. A maiores, é certo que estamos en tempo de moitos cambios e hai que estar abertos a máis e que poida ocupar unha responsabilidade no Parlamento, pero non era a previsión para o meu primeiro ano.

Pero todo cambiou coa moción de censura, cos cargos pendentes.

Non é descartable, pero a data de hoxe non está decidido nin previsto. Enganaria se dixese algo distinto. Digo o mesmo que dicía en outubro e ó que ninguén lle daba fiabilidade, aínda que agora todo o mundo vai vendo que era así.

O novo delegado do Goberno era o que quería Gonzalo Caballero? Soaba Pablo Arangüena.

O PSOE ten banquillo para desenvolver as distintas funcións con distintos perfiles. Pedro Sánchez fixo un magnífico Goberno e está desenvolvendo moi ben os equipos. Correspóndelle a el, eu respaldo as súas decisións, teño unha moi boa relación con Javier Losada, co que falo a diario e co que haberá unha relación moi fluída. 


“Se ourense é o que o PP pode amosar, o fracaso é absoluto"


 

Gonzalo Caballero, secretario xeral del PSdegEstamos a menos dun ano das municipais. Como chegan?

Somos un partido cun claro compromiso municipalista, imos xogar con toda a forza posible. Onde temos alcaldes repetirán e á volta do verán faremos a asignación do resto de candidatos. Somos conscientes de cando gobernamos, percíbese garantía e solvencia, mentres que os gobernos doutras forzas que emerxeron pola esquerda teñen máis problemas de xestión e o PP ten un problema moi profundo no escenario urbano.

Pero o PSOE tamén, non? Só goberna Vigo e Lugo.

Creo que a situación é ben distinta. O PP que consegue gobernar Galicia só está nunha das sete cidades, cun goberno que non ten sido capaz de aprobar uns só orzamento neste mandato. Se o PPdeG só goberna Ourense e é o que poden amosar como capacidade de goberno, o fracaso é absoluto, está amosada a súa incapacidade e imposibilidade de acadar acordos. Os nosos datos demoscópicos son claros, hai unha maioría na cidade que pide un cambio.

Durante o mandato falouse moito dunha moción de censura que o PSOE sempre rexeitou. Chegou algo á dirección galega?

Nós traballamos en clave de eleccións, pensando en candidatos e programas, esa é a folla de ruta.

Hai boas vibracións en Ourense?

Temos datos que amosan que hai unha enorme insatisfacción co alcalde. Ademais, hai unha valoración política que o suspende, non hai orzamento, ese é o récord da gran xestión. Hai unha base social que pode posibilitar un cambio porque o PP chegará tamén nunha fase de retroceso xeral. Evidentemente temos que acertar no proxecto e os compañeiros de Ourense traballarán arreo.

Marcarase unha pauta dende Santiago ou haberá total liberdade para o partido en Ourense?

O partido ten unha estrutura para definir os proxectos, é algo conxunto.

A cidade é chave tamén para aspirar á Deputación, a única que goberna o PP en Galicia.

Cremos que no escenario da cidade hai posibilidade de cambio e tamén no conxunto da provincia. Aproveiteramos ese novo tempo político de Pedro Sánchez e un PP desnortado e sen rumbo para conseguir un cambio na Deputación de Ourense que vemos fundamental. Despois de décadas do PP, cun nivel de avellentamento alto, poucas posibilidades de futuro para os máis novos, un rural abandonado, as políticas de progreso son máis necesarias que nunca. É un reto retirar ó PP da Deputación, sería un bo favor que Baltar e o PP pasasen á oposición para rexenerarse.

Está satisfeito co traballo da executiva de Rafael Villarino?

A relación é constante e fluída, asume todos os retos que lle corresponden, é un alcalde cunha magnífica xestión e está a facer un esforzo importante para chegar ás eleccións da mellor maneira posible. Está traballando con acerto e conta con toda a nosa lealdade.

Un dos obxectivos que se marcou era acabar coas baronías provinciais, dar máis poder ás comarcas. Vai por bo camiño?

O PSdeG ten que ter un proxecto galeguista e para iso hai un compoñente comarcal importante, para chegar á maior parte do territorio. Estamos avanzando na medida do posible, o importante é un proxecto de Galicia para retirar ó PP da Xunta.

Compiten xa mellor coas mareas ou con Ciudadanos?

Temos que manter a nosa folla de ruta, recorrendo o país, dando estabilidade e confianza. Se o facemos, os outros actores políticos irán perdendo espazo. Hai un control político da dereita, a única opción para mudar ese escenario é o PSdeG, que ten que construír un proxecto que conecte coa esquerda e entre en sectores menos ideoloxizados pero que saiban que a alternancia é imprescindible tras tres maiorías absolutas.

Hai unha débeda histórica coas infraestruturas?

Hai importantes avances, pero Galicia ten históricamente un retraso, como pode ser  a conexión ferroviaria coa meseta, que é fundamental. Haberá que facer un balance de entrada do que deixa o PP de Rajoy porque os enganos coas datas foron continuos, hai que auditar para saber a herdanza.

Entendo que haberá novos retrasos no AVE.

Quen retrasou o AVE foi o PP, nos últimos orzamentos se recoñece que non estaría ata 2025 con todos os tramos. Máis alá da política de botafumeiros de Feijóo y Rajoy, necesitamos ser conscientes da realidade. O que si sabemos é que a Galicia non lle foi ben co PP en Madrid.

Vaise ser belixerante dende aquí?

Imos ser serios e comprometidos coa axenda de problemas de Galicia. Sabemos que non fixo o PP, que non ten lexitimidade para reclamar o que non fixo.

Pero xa están reclamando.

É o que nos chama a atención. A cidadanía galega pode ver con perplexidade certas actitudes de cinismo para pedir que o que non se fixo en sete anos se faga por un goberno que non ten maioría. En todo o caso, o cambio de goberno vai ser xulgado por tres claves: retirar a corrupción, dar medidas de avance social e ter vontade de diálogo con todos os axentes do Estado. Logrando iso, haberá unha maioría sólida para o PSOE e poderemos aprobar todos os proxectos.

Tamén están pendentes proxectos como as autovías do interior?

Son unha mostra do suspenso de Rajoy, Feijóo e Baltar.

Pero o PSOE tamén gobernou no Estado moitos anos.

Creo que hai que asumir os tempos políticos, pero despois de sete anos do PP, a responsabilidade é súa. Cando o PSOE gobernou puido facer proxectos como o AVE, que ten un compoñente claro socialista. A partir de aí, os ritmos de investimento ralentizáronse.

Hai unha estratexia fronte ó reto demográfico?

O reto demográfico é fundamental para Galicia e recoñezo que de alta complexidade. Vai ligado á cuestión económica e social. Se conseguimos dinamizar o modelo produtivo e dar salarios de calidade, posibilidades de futuro e emprego haberá pilares para ter máis fillos.