O Consello da Cultura analizará o plan de normalización lingüística

Vázquez y Villares, en Santiago (Foto: Conchi Paz)
O Consello da Cultura Galega (CCG) realizará un proxecto audiovisual e un estudio documental que recompile toda a historia do proceso de normalización lingüística e da defensa e reivindicación da lingua galega, no marco dun convenio subscrito coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotado con 40.000 euros, dos que 35.000 son achega da Xunta.
A iniciativa 'Cincoenta anos de defensa e promoción do galego' abordará un proceso de documentación en soporte audiovisual que consistirá na recollida de testemuñas de personalidades vinculadas á reivindicación e promoción do galego na historia, partindo do movemento asociativo iniciado hai cinco décadas.

O obxectivo é a 'posta en valor' do proceso de normalización, segundo destacou en rolda de prensa o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, acompañado do conselleiro Jesús Vázquez, do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o responsable do centro documental de Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo.

Outro dos puntos que inclúe o devandito convenio, por parte da Secretaría Xeral e vinculado á Rede de Dinamización Lingüística Local, será o deseño da aplicación 'Lingua en Titulares'. Un buscador de noticias relacionadas co ámbito da sociolingüística e a planificación que estará vinculada a un banco de datos específico sobre os medios de comunicación, que permitirá o acceso a titulares e actualidade mediante subscrición a través da rede e de dispositivos móbiles.

Finalmente, o proxecto 'd-Lingua' contempla o deseño dunha plataforma web para compartir recursos de tipo técnico destinados á promoción do galego, que será 'libre' baixo rexistro previo a calquera descarga ou achega.

Te puede interesar