Detidas 10 persoas máis como presuntas autoras de incendios forestais nas catro provincias

A Policía Autonómica detivo 10 persoas máis como presuntas autoras de incendios forestais nas catro provincias galegas. En concreto, proceden das localidades de Dozón, Toques, Ordes, Santa Camba, Valla, Avión, A Mesquita, Lugo e Baralla, segundo informa a Consellería de Presidencia.
Funcionarios da delegación central da Policía Autonómica en Santiago detiveron dous veciños de Dozón como presuntos autores dun lume no lugar de San Martiño, na parroquia de Bidueiros, Dozón, que afectou a unha superficie de 4.000 metros cadrados de raso.

O incendios orixinouse pola queima de restos vexetais que non contaba coa autorización da consellería e ademais, apunta a consellería, non se adoptaron as medidas de seguridade preceptivas marcadas pola lei.

Os detidos, unha vez oídos en declaración, quedaron en liberdade coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando fosen requiridos.

Ademais, axentes compostelanos tamén procederon á imputación de dúas mulleres e un home de Toques, Ordes e Santa Camba, respectivamente, como presuntos autores de incendios acontecidos o pasado venres 24 de febreiro.

O lume de Toques afectou a unha superficie de 1.500 metros cadrados de raso; en Ordes arderon 4.000 metros cadrados tamén de monte raso e en Santa Camba 10.000 metros cadrados de raso e 5.000 de arboredo. Nos tres casos, as lapas orixináronse por escapes de queimas nas que non se tomaron as medidas de seguridade oportunas.

PONTEVEDRA

Pola súa banda, axentes da Xefatura Provincial de Pontevedra procederon á imputación dunha veciña de Valla como presunta autora dun lume o pasado 22 de febreiro nesta localidade, que afectou a 2.100 metros cadrados de arboredo.

O incendio que se lle imputa orixinouse, di Presidencia, pola neglixente realización dunha queima de restrebas para a que non contaba con autorización. Tampouco adoptou as pertinentes medidas de seguridade. Para que non ardese máis superficie fixo falta a intervención de Protección Civil e dos servizos de extinción da Xunta.

Por estes feitos, instruíronselle dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de garda de Caldas de Reis.

OURENSE

Xa na provincia de Ourense, os axentes autonómicos detiveron un veciño de Avión como presunto autor dun incendio rexistrado nun monte comunal na localidade de Córcores, en Avión, que afectou a 12.000 metros cadrados de arboredo.

O detido estaba a realizar labores de limpeza do monte sen autorización e sen tomar medidas de seguridade, 'poñendo mesmo en risco á devandita localidade pola súa proximidade o lume', explica o departamento autonómico.

Unha vez oído en declaración, o presunto autor do lume quedou en liberdade coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando fose requirido. O atestado foi remitido ao Xulgado de Instrución de O Carballiño.

Estes mesmos axentes tamén imputaron a un veciño de A Mesquita como presunto autor do lume do pasado 24 de febreiro no que arderon 500 metros cadrados de raso e arboredo. Orixinouse pola queima neglixente dunha matogueira que o propio imputado puido apagar polos seus medios. O atestado tamén foi remitido, neste caso ao Xulgado de Instrución de garda de Verín.

LUGO

Xa por último, a Policía Autonómica con sede en Lugo informou da imputación dun veciño como presunto autor dun incendio o pasado 24 de febreiro, que afectou a outros 5.000 metros cadrados de arboredo no lugar da parroquia de Esperante.

As lapas orixináronse como consecuencia dun escape de queima para o que non se tomaron as pertinentes medidas de seguridade. O atestado foi remitido ao Xulgado de Instrución número 1 de Lugo.

Un veciño de Baralla foi detido como presunto autor de dous incendios moi próximos entre si os días 25 e 26 de febreiro na parroquia de San Pedro de Sixirei, Baralla.

O primeiro afectou a 5.000 metros cadrados de raso e outros 5.000 de arboredo e o segundo arrasou 5.000 metros cadrados de raso. Neste caso, como no anterior, non ardeu máis grazas á rápida actuación dos servizos de extinción.

O detido, unha vez oído en declaración, quedou en liberdade coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando fose requirido. O atestado foi remitido ao Xulgado de Instrución número 1 de Becerreá.

Te puede interesar