LUGO

A folga do lixo está a provocar a cancelación de reservas hoteleiras

Real afirmou que as perdas económicas que padece o sector da hostalaría xa son palpables hoxe en día

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL), José Real, afirmou que a prolongada folga no servizo de limpeza e recollida do lixo na capital luguesa está a provocar a "cancelación de reservas hoteleiras" nos establecementos da cidade e arruinando o negocio que xeran no verán as terrazas na rúa.

Nunhas declaracións , Real afirmou que, con independencia do dano que esta folga está facendo á imaxe da propia cidade, as perdas económicas que padece o sector da hostalaría xa son palpables hoxe en día, con "cancelacións no último momento" de clientes que tiñan pensado pasar uns días en Lugo mais, pola folga, deciden anular a estadía.

Alén diso, Real confirmou que a maioría dos hoteis de Lugo están a recibir chamadas de potenciais clientes que preguntan se xa acabou a folga do lixo na cidade, o que quere dicir que "se non fose polo paro virían", mais ao se prolongar esa situación "finalmente deciden quedar".

Por outro lado, lembrou que as terrazas están "absolutamente inutilizadas", porque resulta imposible pasar "un momento de lecer" na rúa por "causa do mal cheiro" e da imaxe que dá a acumulación de lixo, ás veces a tan só uns metros dos locais de hostalaría.

Nese sentido, tamén lembrou que os hostaleiros pagan ao Concello pola utilización dese espazo da vía pública.

Dun punto de vista máis xeral, o presidente dos hostaleiros considera que o que está a acontecer na cidade de Lugo é "unha desfeita", porque "levamos máis dun mes vivindo entre o lixo en pleno século XXI".

Os hostaleiros convocaron para esta mañá unha concentración diante do concello da capital luguesa para protestaren por esta situación e esixir unha saída inmediata ao conflito laboral que orixinou a folga.

Te puede interesar