ASEGURAN SER 'VÍTIMAS'

Os acusados por altercados na marcha de Galicia Bilingüe negan actos violentos

Momento del juicio en Santiago contra doce independentistas
photo_camera Momento del juicio en Santiago contra doce independentistas

O fiscal pregunta a 11 dos 12 mozos independentistas procesados se buscaban enfrontarse a unha manifestación "legal"

Once dos 12 acusados por altercados na manifestación de Galicia Bilingüe de febreiro de 2009 negaron a súa participación en actos violentos na primeira xornada do xuízo, no que a Fiscalía pide para eles penas de cárcere que suman 45 anos e máis de 30.000 euros por danos patrimoniais.

Santiago M.R., un dos procesados -aos que se imputan diversos delitos como o de alteración da orde pública e atentado contra a autoridade-, declarado en rebeldía, non acudiu á primeira sesión do proceso, no Xulgado do Penal número 2 de Santiago.

En diferentes termos, nas súas respostas ao fiscal ou aos avogados da defensa, os 11 mozos explicaron que aquel día acudiron ás inmediacións da Alameda compostelana para secundar unha concentración convocada por diferentes entidades en defensa do galego, pero negaron que a súa intención fose enfrontarse aos manifestantes de Galicia Bilingüe.

Ás portas dos Xulgados de Fontiñas concentráronse unhas 50 persoas que mostraron a súa "solidariedade" cos acusados e han coreado consignas como 'Defender a lingua non é delito'. Entre eles, estiveron presentes representantes de BNG, Galiza Nova e o sindicato CIG.

Xa á saída, trasladáronse uns metros máis abaixo, fronte á saída pola que abandonou as dependencias xudiciais en furgón policial un dos acusados, Roberto R.F., alcume 'Teto', condenado por terrorismo, que se atopa estes días desprazado á prisión de Teixeiro para asistir ao xuízo.

O xuízo prolongouse dende as 10,30 ata as 12,45 horas e retomarase o xoves con probas testificales. Para o venres está prevista a declaración de testemuñas como a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago e é posible que sexa necesaria unha cuarta xornada, segundo a xuíza, debido á solicitude de novas testemuñas.

AGRESIÓN DUN "FALANXISTA"

De acordo co relato de varios dos procesados, o momento previo ás cargas policiais, que se produciron inicialmente no cruzamento de Porta Faxeira e máis tarde se estenderon a outras zonas da cidade, foi a agresión a un dos independentistas por parte dunha persoa que secundaba a marcha de Galicia Bilingüe, que identificaron como "un falanxista". De feito, trátase dun home condenado por un delito de faltas.

O agredido, Antonio F.G., expuxo que non sabía que ese 8 de febreiro de 2009, período previo á campaña das eleccións autonómicas en que o PP galego recuperou a Xunta tras o Goberno de PSdeG e BNG, había unha mobilización de Galicia Bilingüe, e que acudiu xunto á súa noiva e dúas amigas a un acto convocado "a favor do galego". Á pregunta do fiscal Mario Piñeiro de se a súa idea era enfrontarse a eles, en consecuencia, respondeu que "de ningún xeito".

"Houbo un manifestante que me agrediu coa permisividade da policía", censurou. En concreto, indicou que el estaba sendo identificado por axentes cando "un señor veu insultando a pegarme cos puños". "Agarroume e me zarandeou", precisou.

Outra das acusadas, a súa compañeira, Xiana R., subliñou que "nada máis chegar pegaron a Antonio" e replicou ao fiscal ante a cuestión de se botou botellas ou outros obxectos que "como" podía "estar facendo todo iso" se estaba a atender o seu noivo, que "sangraba polo nariz".

BERROS DE "PAIFOCOS" E "DESEXOS DE MORTE"

Pola súa parte, Aurélio L. asegurou que as persoas que pretendían manifestarse en defensa do galego recibiron "berros de paifocos e ao mar como en Chile" por parte de "xente" que identificou como de Galicia Bilingüe.

Neste punto, o fiscal, que remarcou que Galicia Bilingüe tiña convocada unha marcha "legal", interrogoulle sobre se coincide co ideario desta asociación, ao que o acusado dixo que "nin de acordo nin en desacordo" antes de que un dos avogados da defensa protestase polo cariz "ideolóxico" da pregunta do fiscal. "Non estariamos aquí se estivésemos ante un tema político", resolveu a xuíza María Elena Fernández Currás.

Noutro punto, mentres realizaba preguntas a outro dos procesados, a xuíza sinalou que durante os feitos acontecidos hai cinco anos se provocaron estragos en marquesiñas, colectores e outro mobiliario urbano que están demostrados pola acusación, que exerce o Concello de Santiago - motivo polo que Galicia Bilingüe non compareceu - .

"Empezaron as cargas e marchei para casa", dixo Aurélio L., de igual xeito que se pronunciaron a maior parte dos acusados, que negaron coñecerse entre si e tampouco se recoñeceron en fotografías que lles mostrou a maxistrado a instancia da Fiscalía.

Ademais, afirmou que foi "vítima máis ben de insultos e desexos de morte", aspectos aos que non respondeu xa que era "inviable" polo "cordón" policial.

EN VIGO E FUXIDA SEN DNI

Na súa quenda, Roberto R.F., a diferencia do resto, negou atoparse en Compostela aquel día. "Estaba en Vigo na miña casa co meu compañeiro de piso. Pasei a mañá na casa, durmín ata tarde e antes de ir comer ía cambiar unha lámpada. Subín a un tallo e caín e fíxenme unha ferida no pé", explicou ás cuestións do fiscal. Neste sentido, asegurou que "ten que haber un parte" da clínica Povisa.

Mentres, Roberto C., que tamén foi identificado cando os axentes "viron que non estaba dentro da outra manifestación, asegura "estar a esperar" a que lle devolvesen o carné de identidade cando "empezaron a cargar". "Tiráronme ao chan. Entón sacaron as escopetas e as pelotas de goma e fuxín sen DNI", expuxo.

Así, rexeitou participar en enfrontamentos. "O contrario. Tiráronme a min", contrapuxo antes de afirmar que foi detido en Ourense tres días despois.

"ARRANCADOS DO COCHE"

De últimos declararon Daniel Alexandre R.B. e Abraám A.P., militantes de Nós-UP, os que, ao contrario dos demais, unicamente responderon ao seu avogado, Guillermo Presa Suárez -ao resto deféndeos o letrado Manuel Chao do Barro-.

O primeiro deles expuxo que "a historia foi bastante rápida", pois chegaron á Alameda e comezaron a escoitar "insultos de pueblerinos, fillos de puta e galegos de merda". "Despois cargou a policía e corremos moito", sinalou.

Aseguran resgardarse nunha cafetaría da Praza de Galicia para esperar a que a situación "se calmase" antes de desprazarse ata Vista Alegre a unha comida "popular" organizada por a formación á que pertencen.

Xa antes de iniciar a viaxe de regreso, afirman ser "arrancados de forma violenta do coche", propiedade de Abraham A.P. e que recolleron nas proximidades do Parlamento galego.

DETENCIÓNS EN SANTA CLARA

En primeiro lugar compareceu Bernardo M.B., quen cualificou de "conato" a marcha en defensa do galego e, na liña do resto, asegurou marchar cando presenciou "forcexos de lonxe entre xente e policía". "Atopamos outra cousa que non era a esperada", incidiu.

A súa detención produciuse na zona de Santa Clara "unha hora e media despois" e, segundo apuntou, dispoñíase a volver o seu vehículo para deixar a cidade despois de tomar algo nun bar cunha compañeira. Alegou que polas rúas circundantes se estaban a producir persecucións que lle "colleron no medio".

Nun lugar próximo foron detidos Narciso V.G. e Alejandro B.G., que na súa explicación dixeron que se dirixían á estación de autobuses para volver a A Coruña despois dunha noite de festa. "Baixamos a un sitio discreto para facernos un canuto. Como estabamos a fumar porros escondémonos ao ver pasar xente correndo e policía", afirmou o primeiro.

Te puede interesar