Investigadores da Universidade de Vigo participan no descubrimento dunha nova especie de crustáceo

Investigadores do equipo Ecoafrik do Instituto Español de Oceanografía (IEO) acharon unha nova especie de crustáceo no noiro continental de Mauritania a 1.000 metros de profundidade, á que bautizaron co nome de Munidopsis anaramosae.
 

Os investigadores son membros do IEO e da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e integrantes o proxecto Ecoafrik. Trátase da primeira vez que se describe e ilustra da longa serie de novas especies de crustáceos, hidrozoos, holoturias e outros grupos animais nas descricións da cal se está a traballar e que serán publicadas proximamente.

Fai só unhas semanas publicouse na revista Zootaxa un traballo sobre os crustáceos de augas profundas de Mauritania no que se expoñen algúns dos resultados faunísticos obtidos nas catro campañas Maurit, que o IEO desenvolveu na zona entre 2007 e 2010.

O traballo céntrase no estudio dos galateidos, un grupo de crustáceos pertencentes aos decápodos anomuros, semellantes a pequenas lagostas (de aí o nome de squat-lobsters que reciben en inglés), de cores brillantes, que presentan unha gran diversidade e abundancia nos océanos de todo o mundo.

As sete especies que se relacionan neste traballo, pertencentes aos xéneros Eumunida, Munida e Munidopsis e ás superfamilias Chirostyloidea e Galatheoidea, atopáronse en fondos comprendidos entre 91 e 1867 metros de profundidade ao longo do noiro, e algunhas delas non foran citadas antes en augas mauritanas.

Ademais, entre os máis de 8.000 exemplares de invertebrados bentónicos que se conservaron a bordo do Vizconde de Eza, que constitúen as coleccións faunísticas de referencia, actualmente en estudio, atopáronse novas especies para a ciencia de crustáceos, hidrozoos, holoturias e outros grupos, que están actualmente en proceso de identificación e as descricións dos cales serán publicadas posteriormente en revistas especializadas.

Respecto ao novo achado, o IEO informa que se trata dunha especie de galateido, atopado a 1000 metros de profundidade durante a campaña Maurit-0811 na zona norte fronte ao Banco de Arguin, ao que se bautizou co nome de Munidopsis anaramosae, é a primeira das novas especies que se describe e ilustra. O seu holotipo foi xa depositado no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid.

A publicación inclúe ademais a redescrición de Munidopsis chunii, unha especie que fora descrita de forma moi sucinta en 1913, hai un século, a partir de solo un macho e unha femia pequena.

A publicación inscríbese no marco do Proxecto Ecoafrik e é froito do minucioso traballo de identificación taxonómica da colección de crustáceos, o grupo bentónico que presenta maior diversidade na rexión de África Noroccidental, que se desenvolveu durante algo máis dun ano polo equipo de especialistas do Instituto Español de Oceanografía e da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.

Te puede interesar