CONSERVACIÓN DE HÁBITATS

Este luns comezan as obras para protexer hábitats da praia das Catedrais ante a afluencia masiva de visitantes

Iniciaranse mañá luns e implican unha inversión de 60.000 euros

A conselleira de Medio, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou de que as obras de carácter inmediato recollidas no plan de actuación para a regulación do uso público no monumento natural da praia das Catedrais, na parroquia da Devesa, no Concello de Ribadeo (Lugo), iniciaranse este luns, 14 de xullo, e implican unha inversión de 60.000 euros.

Así o apuntou a conselleira de Medio durante a súa visita este sábado ao areal, onde destacou a necesidade de establecer estas medidas debido a que este espazo da Mariña lucense se converteu nos últimos anos nun importante foco de atracción turística. Así, a masiva afluencia de visitantes, en períodos puntuais, representa un problema para a capacidade de acollida e, en consecuencia, un risco para a conservación dos hábitats e formacións xeolóxicas que motivaron a súa declaración.

Ante esta situación, a Xunta leva a cabo unha actuación para a ordenación do uso público no monumento natural, que sexa compatible coa conservación dos seus valores ambientais e o aproveitamento sostible do recurso turístico.

Tal e como recoñeceu a conselleira, este plan ten dúas fases: a inmediata, presentada este sábado; e outra a medio prazo, que consiste na redacción do Plan de Conservación do monumento natural das Catedrais -- que espera estea lista para o próximo verán, mentres se prevé finalizar para o próximo mes de setembro o documento ambiental estratéxico--. No seu conxunto, estas dúas medidas implican unha inversión de 160.000 euros, que serán achegados polo Goberno galego.

Sobre esta cuestión, Ethel Vázquez subliña que "se trata de definir e establecer as normas de uso público do espazo ao regular a afluencia de visitantes e adecuación de accesos", de tal forma que "se regulará o aproveitamento de chan e de recursos naturais".

A praia de Augasantas, coñecida popularmente como As Catedrais, é monumento natural dende 2005 e ocupa unha superficie de 29 hectáreas, das cales 20 corresponden ao medio mariño , e conta con diversas figuras de protección.

Nesta visita estiveron, entre outros, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Lameira Castro; a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.

ACCIÓNS INMEDIATAS

As accións inmediatas a executar supoñen o mantemento do sendeiro peonil existente, no que se informará do risco de achegamento ao bordo do acantilado en puntos concretos do percorrido. Tamén se mellorará a sinalización, coa instalación de paneis informativos cos valores ambientais, así como as normas de uso público no espazo protexido.

Dende o próximo luns levará a cabo un recoñecemento técnico sobre o terreo para analizar a mellor situación dos paneis informativos e indicativos e para determinar a mellor forma de realizar as actuacións, co fin de evitar posibles molestias aos cidadáns que se acheguen a coñecer este monumento.

Tamén se dotará de tres guías informativos que dende o próximo 24 de xullo trasladarán información sobre normas de uso público e acceso ao monumento natural, ao tempo que facilitarán información sobre outros destinos turísticos de natureza no ámbito.

Estas medidas pretenden evitar a alteración dos hábitats e especies protexidas pola acción das pegadas fóra das sendas habilitadas, así como por outro tipo de actividades, como os aparcamentos irregulares ou os postos de venda ambulante non autorizada.

Ademais, búscase coa conservación deste monumento natural o minimiz ar a reactivación de procesos erosivos, que constitúen un risco para a integridade física dos visitantes.

Te puede interesar