A maioría de restaurantes rexistran baixos niveis de fume, malia a prohibición de fumar

Estudio levado a cabo nas comunidades de Galicia, Madrid e Cataluña

A maioría de restaurantes españois rexistran baixos niveis de fume ambiental do tabaco, malia a prohibición expresa de fumar no interior do local dende principios de 2011, segundo sinala un estudio da Sociedade Española de Epidemioloxía.

Maioritariamente este fume provén do consumo de tabaco ás portas dos locais, como constata a análise dos epidemiólogos, que afirma que lei antitabaco logrou reducir máis dun 90% os niveis de exposición ao fume ambiental de tabaco dos traballadores da hostalaría.

Por iso, remarca que no futuro sería importante manter os sistemas de monitorización e vixilancia continuada, así como recomendar non fumar ás portas destes establecementos.

A nova lei de tabaquismo que entrou en vigor en 2011 modificou a de 2005 prohibindo fumar en todos os locais de hostalaría, que foran considerados como unha excepción pola lei anterior.

Durante o primeiro ano de aplicación da nova normativa, amplamente aceptada pola maioría da sociedade, realizouse un estudio con marcadores obxectivos da exposición, para analizar o impacto real nos niveis de fume ambiental de tabaco en locais de hostalaría.

O estudio, levado a cabo polo grupo de Tabaquismo da Sociedad Española de Epidemiología con financiamento do Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad, realizouse en tres comunidades autónomas -Galicia, Madrid e Cataluña-.

En diversas poboacións destas comunidades, como Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela e Terrassa, estudáronse bares e restaurantes nos que se permitía fumar antes do endurecemento da normativa.

Neles, realizáronse medicións en mostras de aire durante os dous meses previos á implementación da lei (novembro-decembro 2010) que se repetiron durante o segundo trimestre de 2011 (abril-maio 2011).

Como marcadores do fume ambiental do tabaco mediuse a nicotina en fase vapor en todos os locais seleccionados e, nunha submostra de locais, as partículas menores a 2,5 microns de diámetro (PM2,5).

Os resultados preliminares, baseados en 140 medicións de nicotina e 58 medicións de PM2,5, mostran que a concentración mediana de nicotina diminuíu en máis dun 90%, pasando de 5,74 mg/m3 antes da Lei a 0,54 mg/m3 tras a súa implementación.

A variación porcentual no caso das PM2,5 tamén supera o 90%, pasando dunha concentración mediana de 235,62 mg/m3 a 20,40 mg/m3 tras a Lei. De feito, a concentración de PM2.5 antes da nova lei era aproximadamente 10 veces superior ao límite proposto pola UE (25 mg/m3) para contaminación atmosférica.

O estudio confirma que a nova Lei 42/2010 tivo un impacto moi importante na diminución dos niveis de fume ambiental do tabaco nos locais de hostalaría españois.

Te puede interesar