Director do Centro Galego de Arte Contemporánea

Manuel Olveira: ‘O CGAC non depende da audiencia’

Manuel Olveira, director do Centro Galego de Arte Contemporánea.
Artista visual, licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e en Belas Artes pola Central de Barcelona, doutorouse en Educación Artística pola Universidade de Granada.
Manuel Olveira (Porto do Son, 1964) estivo desde sempre vencellado á arte e non traballou noutra cousa máis ca en proxectos artísticos. Foi xefe dos servizos pedagógicos do Centro Galego de Arte Contemporánea desde 1998 ata 2001. Dirixiu o Hangar, o centro de artes visuais e multimedia de Barcelona. En decembro de 2005 volveu ó CGAC, que agora celebra os seus quince anos, para dirixilo, darlle unha volta á concepción do centro e revisar a política expositiva.

Leva dous anos e medio como director do centro. ¿Deulle tempo a poñer en marcha todos os proxectos que lle gustaría? Fixéronse moitas cousas desde o primeiro momento. Cheguei á dirección en decembro de 2005 e a comezos do ano seguinte xa presentabamos o Proxecto-Edición, no que os tres museos de arte contemporánea de Galicia traballan conxuntamente. O tempo que levo na dirección, dous anos e medio, é un período que no mundo da arte non permite desenvolver todos os proxectos, pero sí que é dabondo para amosar intencións e marcar unhas liñas xerais de actuación.

¿Cales son esas liñas xerais? O obxectivo e dotar ó Centro Galego de Arte Contemporánea de dinamismo, fomentando un diálogo contínuo entre o contexto local e o internacional. Compartimos proxectos con outras institucións, confíamos no traballo conxunto e apostamos por unha rede de intercambio forte. Outro reto é ofrecer unha programación de calidade e atinar coas exposicións. Acabamos de incorporar máis de catrocentas pezas fotográficas da colección Ordóñez-Falcón, que se suman aos catro fondos xestionados polo CGAC. Algo lle axudaría a súa experiencia como director dos servizos pedagógicos do CGAC. Axuda toda a experiencia no mundo da arte. Non fixen outra cousa na miña vida máis ca traballar coa arte.

¿E da súa etapa na dirección de Hangar, o centro de producción de artes visuais de Barcelona? O de Hangar era algo totalmente distinto, cunha dose maior de independencia. O CGAC é un centro de arte que debe cumprir un servizo público. Como director deste centro públco teño a responsabilidade de difundir a arte e a vontade de comunicar cos cidadáns.

Entre os obxectivos que se fixaba ao chegar á dirección do CGAC estaban o de facerse un oco no sistema internacional sen caer no mimetismo nin na homoxeneidade. ¿Ata que punto o conseguiu? Puxemos en marcha proxectos e investigacións deslocalizadas no tempo e no espacio. En arte hai que traballar sempre a longo prazo; a calidade do que ti propós vaise apreciar dentro de moitos anos. Estamos obrigados a traballar con previsión; a estas alturas xa é complicado conseguir para 2009 unha exposición nun centro europeo de referencia.

O CGAC é máis ca un museo, un centro cultural. ¿É doado compatibilizar esa dobre función: museística e produtiva? Non hai incompatibilidade. Máis ca un centro cultural, é un centro de arte cunha colección que supera as mil pezas, xestiona catro fondos, incorpora obra do momento e intenta cubrir os ocos que hai na arte dos anos 60, 70 e 80.

¿Qué criterio seguen para intentar adaptar a oferta do CGAC á demanda dos visitantes? Sempre intentamos conectar coa cidadanía que se interesa pola arte contemporánea. O CGAC non é un espectáculo que dependa da audiencia; a nosa misión e difundir arte contemporánea. Se a xente quere Nocilla, haberá sitios nos que lle ofre zan Nocilla; nós aportamos outra alimentación cultural.

¿Que lle diría aos que non consideran arte obras como as que se expoñen no CGAC? A arte contemporánea trata de innovar, probar novas linguaxes e experimenta outras formas de transmisión. Esa innovación constante é a súa esencia e xustifica a súa existencia. Non penso que haxa moita xente extrañada ante as obras de arte contemporánea; cada día que pasa é máis popular e aumentan os seus partidarios.

Hai un interese especial por proxectar unha nova xeración de artistas galegos, ¿existe o risco de caer no paternalismo? Non son partidario dun sistema que sobreprotexa aos axentes que interveñen. Entre todos institucións, galerías e outros museostemos que construir proxectos que lles permitan medrar como artistas. Hai que apoiar, non protexer, a aqueles que queren facer algo.

¿Cómo é a relación cos museos e as galerías? Fantástica. Hai quen di que as galerías deben facer máis canteira e menos negocio.

A xente pode opinar o que queira. A galería é un axente cultural necesario; é máis ca un negocio, pero ten que funcionar coma un negocio e debe saber compatibilizar esas facetas diferentes. É un proxecto individual e cada galería ten un xestor que toma as súas decisións.

¿Deberían tomar máis a iniciativa os artistas e probar, por exemplo, novas fórmulas de autogestión? Non creo que lles falte iniciativa. Os artistas teñen que crear, innovar, experimentar e buscar novas canles de traballo; unha fórmula é a autoxestión, pero tamén hai outras. Cada artista debe escoller como e onde desenvolver o seu traballo: uns téñeno máis doado nas galerías, outros optan pola autoxestión e outros buscan oportunidades no espazo público.

Vostede dixo nalguna ocasión que en Galicia hai moitos cogumelos, pero pouco musgo; e os cogumelos deberían saber que sen musgo non poden medrar. ¿Expliqueme que quere dicir? É moi sinxelo. Hai moitos proxectos individualistas, pero o mundo da arte ten en conta que o mundo da arte é un sistema que precisa retroalimentación.

¿Cómo vai influir nese sistema a incorporación da Cidade da Cultura? É un dos maiores proxectos culturais do mundo, vai aportar pluralidade e vai abrir o abano. Entendo que para o Centro Galego de Arte Contemporánea vai ser bo porque se amplía a oferta. Estamos afeitos a adaptarnos á novidade; cando naceu no CGAC non exisitían o MARCO, nin a Fundación Granell, nin a Luis Seoane. As cousas cambiaron, o público mudou, chegou Internet o cambio é necesario para o avance.

Entre cambio e cambio, pasaron quince anos desde que naceu o CGAC. Para a celebralo propoñen Situación, unha mostra que quere ofrecer o punto de vista de artistas galegos novos residentes fóra sobre a situación da arte no país. ¿Por qué escolleron este proxecto? Poderiamos ter optado por figuras consolidadas, pero decidimos facerlle este encargo a artistas novos, pero cunha trayectoria sólida. Son obras de seis artistas que queren ofrecer a súa ollada desde fóra, non pretenden avalar ningunha tese. Forma parte dun proxecto amplo que inclúe unha proposta editorial e unha consulta a novecentos axentes culturais a modo de barómetro. Buscamos ferramentas de utilidade e imos estender esta iniciativa no tempo; hai que traballar a varias velocidades e manexar diferentes prazos.


Te puede interesar