CRISE DO CERCO

Mariñeiros do cerco achegan posturas coa Xunta por unha cota mínima

Reunión de Quintana cos representantes do cerco galego.
photo_camera Reunión de Quintana cos representantes do cerco galego.

A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a intermediaria, Acerga, reunírose durante catro horas para que barcos sen posibilidade de pesca poidan ter unha cota mínima.

Todo o sector do cerco galego se reuniu este martes en Santiago nun encontro no que houbo un "achegamento" entre as diversas partes para que os barcos que non contan con históricos ou sexan de recente adquisición e non dispoñen de cotas poidan ter un chan mínimo de capturas.

Tras unha reunión de máis de catro horas, que contou coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, como intermediaria, Acerga -que defende unha repartición por tripulante- e Cerqueiros Galegos -que avoga por manter a actual repartición que prima os históricos- achegaron posturas para que estes barcos sen posibilidades de pesca poidan ter unha cota mínima, de forma que se emprazaron a unha nova reunión a próxima semana para seguir avanzando.

Neste sentido, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, apuntou á prensa que non se prevé ningún cambio na actual repartición, xa que tras analizar "os datos", "non hai outro criterio que favoreza a Galicia", pois "ao facer os números se ve bastante claramente". "Os criterios de repartición que hai son, dende logo, os que máis posibilidades de pesca dan á nosa flota", defendeu.

A pesar de que durante parte da reunión se puideron escoitar dende fóra da sala berros dos presentes, Rosa Quintana valorou que houbo un "achegamento claro".

Sobre esta cuestión, sinalou que "se estivo a revisar a situación pasada para chegar á que hoxe se ten diante", e agora se "farán os números" para "resolver o problema daqueles barcos, que por unha ou outra circunstancia, porque se compraron barcos que estiveron amarrados moito tempo ou non tiñan forma de acreditar os históricos, non tiñan posibilidades de pesca".

Así mesmo, Rosa Quintana recordou que esta proposta "xa foi formulada hai dous anos" sen que fose aceptada polo sector, pero "agora parece ser que si". "O bo disto é que están todas as partes que representan a armadores do cerco sentados xuntos", valorou.

VISIÓN DE ACERGA

Pola súa banda, o voceiro da asociación Acerga -que agrupa uns 120 barcos-, Andrés García, subliñou que se "busca unha base mínima para os barcos que menos teñan" e, "a partir de aí, vanse facer números, a falar falar e a ver".

De tal forma, García asegurou que "si que houbo un achegamento", pero nin sequera se pode falar dun "principio de acordo", aínda que "todos entenden o problema no que están moitos barcos galegos", de maneira que, "a partir de aí, poden atopar solucións".

Preguntado sobre de canto sería ese chan mínimo, García dixo que "hai que botar moitos números", polo que non achegou ningunha cifra base para eses barcos que non teñen históricos, porque se compraron cando levaban anos parados ou o armador anterior "non se dedicaba ao xurelo".

POSTURA DE CERQUEIROS GALEGOS

O presidente de Cerqueiros Galegos -que agrupa a máis de 30 embarcacións-, Manuel Muñiz, explicou que se negocia para que barcos "por falta de historial" ou por ser de nova construción poidan contar con cotas.

No caso galego estima que son uns 15 barcos os que se atopan nesta situación e "se vai intentar axudalos", pero sempre que o apoien" as asembleas tanto de Cerqueiros Galegos coma de Acerga.

Ao respecto, avisa que para levarse a cabo tería que facerse en negociación con toda as flotas do Cantábrico e "tería que consentilo a Secretaría Xeral de Pesca, para o que se lle mandará un proxecto ao Ministerio co obxectivo de ver se pode facer algo por eses barcos.

Con todo, deixou claro que "non vai ir adiante" unha cota mínima para todos os barcos do cerco, senón solo para aqueles que non conten con históricos de pesca. "Soamente se vai aplicar aos que non contan con historial de ningún tipo, que se atopan con 0,0% de historial para que poidan coller 30 ou 50 toneladas ou o que lle toque para que poidan traballar", advirte.

Ademais, o presidente de Cerqueiros Galegos -asociación creada hai unhas semanas--, Manuel Muñiz, quixo aproveitar a súa intervención para defender a xestión da Consellería do Mar e o seu titular, Rosa Quintana, que "en ningún momento son os responsables deste cacao que hai montado".

ACAMPADA

Tras a reunión, o voceiro de Acerga sinalou que esta tarde os armadores e pescadores acampados ante a Xunta celebrarán unha asemblea para abordar se manteñen ou levantan a protesta en San Caetano na que levan máis de dous meses.

Previamente, ás 11,00 horas, diversos alcaldes de localidades costeiras como Muxía, Camariñas ou Noia, entre outros, así como o rexedor de Santiago, Martiño Noriega, trasladáronse ata o campamento de Acerga ante a Xunta para mostrar o seu apoio ao cerco e ás mulleres do mar que este martes mandaron unha "chamada de socorro".
 
 

Te puede interesar