Moncho Fernández: 'Fuenlabrada leva a intensidade no seu ADN'

O adestrador do Blusens Monbus, Moncho Fernández, explicou hoxe aos medios de comunicación, coa vista posta no partido ante o Fuenlabrada, que o rival 'leva a intensidade no seu ADN'.
Fernández está centrado no partido deste sábado ás 18.00 horas no Fernando Martín ante un contrincante co que os seus caeron na ida, mais que ten moitas caras novas despois dalgunhas baixas.

'É un equipo diferente porque ten xogadores diferentes, as baixas de Gustavo Ayón, que marchou á NBA; de Lubos Barton, que foi ao Joventut e de Mouhammed Sené, fai que muden moito', argumentou.

O compostelán deixou claro que considera que as ausencias están moi ben cubertas con homes que están demostrando un gran nivel e opinou que o equipo é, polo menos, tan perigoso como demostrou ser no Fontes do Sar.

'Estiveron moi ben incorporando dous xogadores dunha calidade contrastada como son Saúl Blanco e Mike Hall, ademais de Robert Joseph que volveu e tamén están Sergio Sánchez, Quino, Mainoldi e todos os demais', sinalou.

Tamén destacou cales pensa que serán as claves para poder conseguir algo positivo desta visita en que, ademais, poden pórse co mesmo balance que o seu rival se conseguiren un triunfo, que sería o décimo do curso.

'Hai que ter un bo inicio, é unha pista moi próxima, cun público que arroupa moito; ademais estarán enrabechados para demostraren que non teñen ningún tipo de crise, é algo que levan no seu ADN, debemos ser competitivos a nivel de intensidade e esforzo, o Fuenlabrada rebotea moi ben nas dúas zonas, corre moitísimo e xoga moi ben en transición, necesitamos un gran nivel de intensidade', apuntou.

Para finalizar asegurou que Porfirio Fisac consegue sacar o mellor de cada un dos seus homes que, partido tras partido, fan dano de diversas maneiras sen un estilo moi determinado por parte do colectivo.

'Aproveitan moi ben as calidades dos seus xogadores, hai que ter claro onde está o potencial de cada xogador que hai que minimizar, debemos afrontar o partido a partir de aí', terminou o técnico galego.

Te puede interesar