A muller de Liñares declarará nesta tarde imputada por branqueo de capitais

A muller do que fora presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e concelleiro de Economía e Urbanismo da capital luguesa, Francisco Fernández Liñares, prestará declaración nesta tarde como imputada no ámbito da operación Pokemon perante a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara.
Segundo informaron fontes xurídicas, foi citada para declarar a partir das cinco da tarde como imputada por branqueo de capitais, o mesmo delito por que compareceron no pasado 10 de xuño o ex alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e a súa parella.

Do mesmo xeito que aconteceu co ex alcalde ourensán e coa súa compañeira sentimental, a xuíza instrutora tamén ordenou no seu día rexistros, que foron efectuados por axentes da Vixilancia Aduaneira, en propiedades de Francisco Fernández Liñares e da súa muller, concretamente na casa que ambos teñen en Lugo.

Fernández Liñares abandonou a principios de xaneiro o centro penal de Bonxe, despois de tres meses e medio de reclusión por orde da xuíza instrutora, Pilar de Lara, que denegou até en dúas ocasións a súa excarceración.

En realidade, a súa saída de prisión estivo motivada por un auto da Audiencia Provincial de Lugo, en resposta ao recurso de apelación formulado pola súa propia defensa, ao entender que se excederan as 72 horas de detención legalmente estabelecidas.

Até mediados deste mes, o propio Fernández Liñares tiña que comparecer diariamente para asinar no Xulgado de Lugo, mais agora, despois dun cambio nas medidas preventivas impostas pola xuíza instrutora, só ten a obriga de asinar aos mércores de cada semana.

Te puede interesar