RECOÑECEMENTO SOCIAL

Nicanor Acosta: "Xa se configura a república que temos que anticipar"

635640250721612497w
photo_camera Nicanor Acosta.

Nicanor Acosta foi nomeado pola asociación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica pola sua labor como loitados social

O republicano de honor de 2015, Nicanor Acosta, asegurou hoxe que, "dalgunha maneira, estase configurando xa a república" que é necesario "anticipar" para cambiar a situación en que "os usurpadores do poder reduciron á mínima expresión a democracia".

A asociación Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña decidiu distinguir este coñecido loitador social cun nomeamento que "reflicte esa figura xuvenil, comprometida, de coraxe, que non se conforma e aguanta", explicou o seu presidente, Fernando Souto, ante os xornalistas nun hotel da cidade.

"A xente nova de alto compromiso social ten en Nicanor un referente de actitude ante o sistema que asoballa. Cando lle propuxen o nomeamento, díxome que non quería falar do pasado, que só quería falar do futuro e dos compromisos e retos que había por diante", engadiu Souto.

Ambos os dous serán recibidos mañá no reitorado da Universidade da Coruña; o xoves está previsto un acto na Real Academia Galega; o venres farase unha ofrenda floral ás vítimas do franquismo e o sábado chegarán ao cemiterio de Ouces, na localidade coruñesa de Bergondo, as cinzas de Luisa Viquiera Landa.

O propio Nicanor indicou esta mañá ante os medios de comunicación que este recoñecemento é "demasiado" para el porque desenvolve as súas tarefas como "un cidadán que pensa que debe facer iso" ante a "obriga moral" de mostrarse activo "neste momento", que cobrou especial transcendencia tras o 15-M.

"Hai catro anos que puxemos un interrogante na sociedade -subliña-. Recordo perfectamente que un día espertei alí e vin un cartel que dicía 'Sen pan, sen teito, sen futuro'. Isto fíxome pensar, fíxome reflexionar. Era o terceiro día de acampada e alí dixen que estaba nacendo unha nova cidadanía. Penso que non me equivoquei".

Observa que "os cidadáns de todos os sectores sociais están saíndo á rúa en Galicia e en todo o Estado" español porque "non cabe outra cousa" e é necesario, alenta, que as cousas cambien "de raíz".

"Creo que esa república que temos que anticipar dalgunha maneira estase configurando xa. Dicimos, berramos nas rúas: 'Pan, traballo, teito, sanidade universal e educación de calidade'. Isto, dalgunha maneira, vai creando unha realidade distinta na sociedade. Vai pondo na mentalidade da xente que as cousas teñen que cambiar. Niso estamos, en subverter a orde establecida", engade.

Desde o seu punto de vista, este camiño debe discorrer cara a unha "democracia" e "república avanzada" cunha "nova constitución" e "a recuperación dun estado de dereito para todos", nun momento en que os "usurpadores do poder reduciron á mínima expresión a democracia".

"Dicía Fátima Báñez -ministra de Emprego- que están creando unha nova estrutura. Penso que non se equivoca. Unha estrutura ultraconservadora, unha estrutura que ocasiona que dous millóns e pico de cidadáns saísen de España para emprender a súa vida, porque aquí non poden. Son expulsados do país. Esta situación retrotráenos ás décadas de 1950 e 1960", sostén.

Por iso, pide "configurar unha realidade distinta" nunha "república que responda ás necesidades dos cidadáns desta Galicia e desta España" despois dunha etapa en que permaneceron "durmidos".

Tras unha etapa como sacerdote, que abandonou na década de 1970 despois duns meses en prisión por motivos políticos, decidiu converterse nun loitador social, agora en movementos cidadáns aínda que "enormemente próximo a AGE" e con respecto ao BNG.

"Formo parte das mareas. Teño respecto polos meus compañeiros que se presentan con outras formacións. En Galicia non se pode prescindir de ninguén da esquerda, da esquerda real de hoxe. A cidadanía de Galicia ten dereito a votar e a reclamar un estado para o país, pero cada cousa ao seu tempo", concluíu.

Te puede interesar