Nova Escola Galega agradece que Pedrón de Ouro recoñeza o seu modelo de escola

A asociación de renovación pedagóxica e defensa do galego no ensino Nova Escola Galega recibiu 'con fonda emoción' o premio Pedrón de Ouro 2012, polo recoñecemento que supón a súa traxectoria 'na defensa dun modelo de escola pública democrático, galeguizador, laico e renovador'.

A Nova Escola Galega explica nun comunicado que este recoñecemento no momento 'que se adoptan devastadoras decisións que buscan minguar a educación pública, pretende sinalar a vixencia de alternativas pedagóxicas a favor dos valores que defendemos e, en boa medida, darnos alento para continuar'.

'O noso anhelo, compartido con moitos persoas, entidades e organizacións non foi nin é outro que procurar unha escola comprometida co país, coa nosa cultura e coa nosa lingua, que sexa quen de acoller en pé de igualdade o conxunto de nenos e ofrecerlles así a oportunidade de converterse en cidadáns dunha nación que soñamos xusta e libre', indícase na nota.

A Nova Escola Galega destaca que boa parte do seu traballo no ámbito da formación, da acción reivindicativa e/ou da proposta de alternativas 'fixémolo en compañía de persoas, entidades e organizacións coas que nos gustaría compartir tamén agora a nosa alegría por esta distinción'.

O Pedrón de Ouro pretende destacar quen, con residencia en Galicia, destaque na defensa e promoción das diversas facetas da cultura propia.

Te puede interesar