CULTURA

O Parlamento honrará a Eduardo Blanco Amor nos 35 anos da súa morte

Todolos grupos aprpbaron por unanimidade unha proposta do PP.

Os grupos do Parlamento galego aprobaron onte por unanimidade unha proposición non de lei na que piden á Xunta que organice ao longo do ano, con motivo do 35 aniversario da súa morte, actividades para divulgar a obra do escritor galego Eduardo Blanco Amor.

A proposta, debatida a instancia do PPdeG, insta tamén a "fomentar" estudios e congresos que actualicen e afonden no significado da biografía, pensamento e obra do autor da Esmorga, ademais de elaborar material audiovisual ao respecto para mostrar "a súa importancia na defensa da democracia, a igualdade de dereitos para todas as persoas e, en concreto, da súa reivindicación do respecto pola condición afectivo-sexual das persoas".

No debate da iniciativa, que se produciu onte, o deputado popular Miguel Santalices destacou que "ninguén dubida hoxe de que a mellor novela escrita en galego é A Esmorga" e instado a buscar a "coordinación entre institucións para render o mellor recoñecemento" a Blanco Amor.

Todos os grupos da oposición se mostraron dacordo en homenaxear o autor ourensán, pero pediron máis concreción na proposta, que finalmente incorporou varias das emendas do BNG e AGE.

O voceiro socialista no debate, Francisco Caamaño, destacou que Blanco Amor era unha persoa "impertinente, crítica e imprescindible". No mesmo sentido, o representante de AGE, Xabier Ron, resaltou a súa loita polos valores democráticos e referiuse á censura que sufriu a súa obra e os problemas para publicala.

Tamén o fixo a única representante do Grupo Mixto, a ourensán Carmen Iglesias, que fixo fincapé en que Eduardo Blanco Amor foi "ultrajado" pola súa homosexualidade e "abandonado pola cultura oficial".

Por parte do BNG, Ana Pontón indicou que é "unha evidencia" que se trata dun dos mellores escritores en lingua galega e reivindicou que era "provocador e irreverente".

Te puede interesar