SANIDADE

Mosquera asegura que as camas de hospital "se irán abrindo progresivamente"

AGE a reta a "pasar 24 horas no corredor das urxencias de calquera hospital" para decidir se iso xustifica abrir máis camas

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asegurou este martes que as camas de hospital que se pecharon durante o período estival "se"irán abrindo de forma progresiva" ao longo dos próximos meses.

Díxoo en resposta a unha pregunta da deputada de AGE Eva Solla ante o pleno da Cámara, na que pedía coñecer en detalle "cantas camas nas diferentes xerencias van permanecer pechadas en setembro, outubro e posteriormente".

Sen ofrecer os datos solicitados, a conselleira unicamente apuntou que "tódolos anos" se decide o peche dun determinado número de camas durante os meses de verán. Trátase, abundou, de realizar "unha xestión eficiente dos recursos" pero tendo presente a necesidade de "garantir a seguridade asistencial" dos pacientes.

Deste modo defendeuse das críticas da parlamentaria de Alternativa, quen a acusou de facer "o máis difícil aínda" ao alcanzar a cifra de 1.095 camas inhábiles, "case o dobre" que cando o PP volveu á Xunta.

Ao respecto, Mosquera sostivo que non se produciron os "problemas e desastres" augurados por AGE, toda vez que se aumentou a "capacidade resolutiva" de Atención Primaria e houbo 4.9000 urxencias menos en xullo e agosto. Con iso, proseguiu, rexistráronse 350 ingresos urxentes menos.

"FALTA DE TRANSPARENCIA"

Non obstante, Eva Solla reprobou que se xustifique o peche de camas "con supostos datos e estudios que se negan a facilitar", porque "non existen". Así, censurou a "falta de transparencia" que domina a acción da Xunta.

Ademais, acusou de "labia" a intervención da conselleira, á que acusou de "faltar á súa palabra" ao prometer que se abrirían máis camas en caso de "colapso".

"A súa palabra non vale nada, nin a política nin a persoal", sentenciou, antes de desexar a Mosquera, posto que cre que "non é un desastre", que "pase 24 horas no corredor das urxencias de calquera hospital". "E logo cóntanos", apostilou.

Te puede interesar