'NON HAI CONCRECIÓN'

O PPdeG rexeita unha ILP impulsada pola CIG con 100 medidas para crear emprego porque 'non hai concreción'

A iniciativa aposta por crear empresas públicas en sectores estratéxicos, banca propia e perseguir a fraude fiscal

O PPdeG rexeitou este martes en pleno do Parlamento unha iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada pola CIG, que conta con 100 medidas para crear emprego e crecemento en Galicia, porque "non hai concreción" e "non entra realmente aos problemas de viabilidade do que propón", segundo apuntou o deputado popular Pedro Arias, sobre unha iniciativa que contou co apoio de toda a oposición.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de presentar esta iniciativa lexislativa popular (ILP), que conseguiu máis de 31.000 sinaturas -máis do dobre do necesario para presentala- tras unha campaña iniciada hai un ano, a cal foi aprobada en 34 concellos e foi debatida en diversas asembleas, á vez que contou co apoio de diversas marchas cidadás polo emprego.

Despois de que membros da CIG se concentren ante a sede do Parlamento baixo o lema 'Sen emprego non hai futuro', Seixo expuxo a necesidade de aprobar esta proposta ante o "grave problema" económico e social do desemprego en Galicia, con cifras "históricas", con case 300.000 desempregados - segundo a EPA do primeiro trimestre-, con "auténticos dramas humanos" como a perda da vivenda, "a pobreza e a exclusión social".

Deste xeito, esta ILP propón unha batería de 100 medidas para crear emprego e conseguir crecemento económico que pasan por unha banca pública galega, unha reforma da política fiscal na que "paguen máis quen máis ten" e na que se persiga a fraude fiscal de "grandes defraudadores", cunha aposta decidida polos servizos públicos, así como en defensa dos dereitos dos traballadores. A isto únense puntos centrais como crear empresas de capital público "en sectores estratéxicos" como o primario, naval, automoción, cultural e novas tecnoloxías.

Así, emprazou o PP "a demostrar que é sensible a esta problemática" apoiando esta iniciativa que conta con "moi boa receptividade social", e ante dramas como que "todos os anos miles de novos" emigran por "non "poder traballar" en Galicia.

Nesta liña, lamentou que as políticas do Goberno e da Xunta en vez de axudar á saída da crise "están a provocar xustamente o efecto contrario", de forma que levan a cabo "contrarreformas laborais" para "abaratar" os despedimentos, así como a destrución de emprego fixo para cambialo por temporal e a tempo parcial.

REXEITAMENTO DO PP

Aínda que o deputado do PP e catedrático de Economía, Pedro Arias, considerou "moi positivo" o debate xerado por esta ILP, censurou que nesta proposta non hai un diagnóstico "histórico""de onde están as claves" da actual crise económica, que baseou en que hai 10 anos subiron ao poder os socialistas.

Sobre este extremo, Seixo sinalou que esta ILP "non é ningunha tese doutoral" e ironizou con que se esa análise histórica comeza cando Pedro Arias "era militante do Partido Comunista" ou despois.

Pola súa banda, Pedro Arias reprochou que na proposta "non hai plans, non hai concreción", polo que criticou que os propoñentes non digan "qué tipos impositivos" ou "qué tipos de contratos" hai que poñer en práctica. Bota en falta o "como e cando" ou que "hai que dicir como se financia a Xunta de Galicia".

Deste modo, Arias afirmou que "a saída da crise non é dicir que como hai miseria, o problema é que está o PP". Por iso, defendeu o labor da Xunta que "ten que ir a unha política de austeridade selectiva", pois "nunca houbo menos recursos".

Do mesmo modo, o popular recoñeceu que "sen ingresos da poboación non se consegue nada", pero cuestionou "como se consegue""no mundo real" que "todo o mundo teña todos eses fondos" e que a economía creza.

"HAI ALTERNATIVAS"

Ao respecto, Suso Seixo defende que "hai alternativas" para facer política "en función dos intereses da maioría social" e non de "especuladores, banqueiros e grandes empresas". E é que considera que as actuais políticas supoñen unha "caída xeneralizada" de salarios e do consumo, que prexudica, ao seu xuízo, ao tecido produtivo galego, mentres produce "un debilitamento" da clase traballadora.

A liña seguida, Seixo avogou pola "necesidade, hoxe máis que nunca de camiñar cara ás 35 horas semanais", xa que na actualidade "se incrementan as xornadas laborais e reducen os salarios". Nesta liña, esta ILP reivindica un salario de inserción laboral para "aqueles que non cobren ningún tipo de salario".

A medida estrela que defendeu a CIG nos últimos tempos é a dunha banca pública galega que proporcione apoio ao tecido produtivo e familias, se ben considera que, "lamentablemente", o PP "perdeu a oportunidade" con Novagalicia Banco, ao "ser entregado a prezo de saldo a un especulador venezolano".

Por todo iso, Seixo se referiu á "necesidade de que a sociedade galega" tome conciencia de que "este modelo neoliberal capitalista en crise non pode esperar nada", por iso chamou a traballar por un sistema "máis igualitario" e "solidario", baseado en Galicia con "plena soberanía política".

Así mesmo, na súa quenda de réplica, Seixo referiuse "aos dramas" que se viven en Galicia con 101.000 familias con todos os seus membros desempregados, máis dun 50 por cento de mozos en paro, unha pobreza infantil "do 22 por cento", xunto a miles de galegos sen vivenda ou que non poden pagar a luz ou o gas.

Así as cousas, Suso Seixo censurou as políticas de Feijóo para contrarrestar estas problemáticas, e chanceou apuntando que "un amigo di que cada vez que o presidente da Xunta di a verdade perde un ollo, e aínda ten os dous".

APOIO DA OPOSICIÓN

En contraposición ao PP, a oposición ao unísono apoiou esta ILP e coincidiu en criticar as actuais políticas da Xunta para esixir un cambio de rumbo.

Ao respecto, a deputada socialista María Quintas lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non considere importante" esta ILP sobre o desemprego, que "é o que preocupa aos cidadáns". Por iso, recriminou que ao PP "non lle interesa para nada chegar a consensos".

O deputado de AGE Juan Fajardo avogou por "sancionar aos que crean emprego lixo", ao tempo que acusou o PP de crear "un exército de escravos" con "xornadas inhumanas", pois cargou contra "aqueles que se están a facer de ouro""coa "pobreza e miseria deste país". A xeito de exemplo, sinalou que se se eliminase o exceso de xornada ilegal se poderían crear máis de 20.000 postos de traballo en Galicia.

Neste sentido, o deputado do BNG Francisco Jorquera -que compareceu cunha camiseta cunha coroa dentro dun sinal de prohibido-, mostrou o seu apoio a esta ILP porque Galicia "corre o risco de converterse" nun deserto económico e poboacional", ao tempo que alertou de que "o aforro galego se está a espoliar". "Esta ILP síntoa como propia", dixo pola súa parte Carmen Iglesias, quen pediu que estas propostas se aproben coa "mesma presteza como se está a facer coa abdicación do Borbón".

Te puede interesar