GALICIA

Un preferentista di que Caixanova lle vendeu "un produto moi bon"

José Antonio G. detallou que o chamaron "á casa" e explicáronlle "na propia oficina" as opcións que ofrecían as preferentes

Un afectado pola comercialización de participacións preferentes explicou hoxe en sede xudicial que na oficina de Caixanova onde comprou as súas preferentes lle dixeron que se trataba "dun produto moi bon" co que podería "recuperar" o diñeiro "cando quixese".

O Xulgado Mercantil número dous da Coruña acolleu hoxe unha vista por unha demanda colectiva da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros de Galicia (Adicae Galicia) e outros contra NCG Banco e Caixanova Emisións.

A demanda colectiva representa un elevado número de pequenos aforradores e, dúas persoas que xa recuperaron o diñeiro que investiran neste produto, declararon ante a xuíz para contar a súa experiencia.

José Antonio G. detallou que o chamaron "á casa" e explicáronlle "na propia oficina" as opcións que ofrecían as preferentes nun momento no que el tiña "moita" confianza no persoal da entidade.

"Dixéronme que tiñan un produto que era moi interesante, dixéronme que era para recuperalo cando me fixese falta, que me ían dando os intereses e que cando quixese recuperalo o tería na conta nunha semana," engadiu.

Afirmou que non é "persoa de riscos" porque non lle "gusta" e por iso se decidiu despois de que lle asegurasen "que era un produto da caixa, que era moi bo e que era deles, de Caixanova".

José A. C. decatouse da existencia das preferentes a través do director da oficina que frecuentaba e confiou nel dende que lle aseguraron "que podía recuperalo en calquera momento, que tiña que pedilo e nada máis".

Ambos os dous detallaron que nunca leron a documentación contractual e que ninguén lles explicou as claves financeiras do produto antes de perder o seu diñeiro e recuperalo pola vía xudicial e con arbitraxe, segundo cada caso.

No trámite de conclusións, a avogada que representa a Adicae falou sobre "prácticas pouco ortodoxas para conseguir vantaxes fiscais e financeiras" da entidade bancaria.

"Quedou acreditada, ademáis da confianza que existía entre os afectados e os demandados, a comercialización de forma masiva. Tamén a publicidade enganosa e as cláusulas abusivas", engadiu.

Dende a entidade bancaria chamaron a atención sobre o feito de que todos os demandantes principais, salvo Adicae, desistiron e por iso cre que non deben considerarse as pretensións respecto aos que xa non están no proceso.

Para esta parte, a única acción colectiva que debe ser tida en conta é a relativa á publicidade, aínda que cre que Adicae non está lexitimada para actuar neste sentido e opina que os contratos se axustaban á lei vixente entón e, polo tanto, deben continuar intactos

Te puede interesar