Quintana cifra en 60.000 personas os receptores dunha axuda fronte ao paro

O voceiro nacional do BNG e candidato á Presidencia da Xunta, Anxo Quintana, cifrou hoxe en 60.000 os beneficiarios do complemento á prestación por desemprego que se comprometeu a impulsar na próxima lexislatura, dos que máis de 42.000 serían mulleres.
O candidato á Presidencia da Xunta polo BNG, Anxo Quintana, adicou a xornada de onte a manter un encontro con mulleres de toda Galicia. No seu discurso, confirmou que 60.000 galegos recibirán o complemento á prestación por desemprego que se comprometeu a por en marcha na vindeira lexislatura. Desta cifra, 42.000 serán mulleres. Quintana asegurou que proporá que tanto o complemento para os desempregados como o que xa foi aprobado para as pensións máis baixas figuren no novo Estatuto de Galicia ‘como dereitos universais’ para os cidadáns galegos. O candidato nacionalista indicou que ‘un dos termómetros para identificar’ a discriminación que padecen as mulleres é o repaso dos resultados da posta en marcha de medidas ‘para solucionar as inxustizas’, pois as que ‘máis se benefician son as mulleres’. Neste sentido puxo como exemplo que, das 5.400 persoas que reciben a libranza do coidador, o 90 por cento son mulleres; mentres que representan o 70 por cento no complemento ás pensións máis baixas. Así mesmo, asegurou que o sistema galego de benestar permitirá crear 8.000 novos postos de traballo na próxima lexislatura, 5.000 delas para mulleres.

Quintana repasou algunhas das iniciativas emprendidas e recordou que a Xunta construíu 57 centros de día na pasada lexislatura e Galicia pasou de ter 118 gardarías a 215, aumentando nun 69 por cento as prazas de infantil. O voceiro nacional do BNG criticou que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, prometese pechar as galescolas e replicoulle que ‘un país non se fai destruíndo, faise construíndo’ e afirmou que, ao contrario do que propón o líder popular, ‘hai que facer máis escolas infantís.

‘O mellor país do mundo’ Defendeu, así mesmo, que se a sociedade quere converter a Galicia no ‘mellor país do mundo’ debe saber que é unha ‘tarefa difícil’ que, non obstante, se torna ‘imposible’ se se ‘acantoa a metade da poboación, que son as mulleres’.

Deste modo, insistiu en que lograr a igualdade é ‘bo’ para elas, pero o Bloque Nacionalista Galego parte do ‘convencemento’ de que ‘é bo para o conxunto da sociedade’. O candidato da formación frentista aproveitou a súa condición de vicepresidente da Xunta para afirmar que ‘grazas ao labor do BNG’ se pode dicir que a Xunta de Galicia se converteu nun ‘dos gobernos europeos máis comprometidos coa igualdade’.

No mesmo sentido, Quintana explicou que os avances en materia de servizos sociais ‘benefician ás mulleres e á sociedade’ pero permiten crear emprego, xa que 1.600 persoas -das que só un seis por cento son homes- accederon a unha praza coa creación de novos servizos de atención.

Te puede interesar