TEMPORAL

O temporal deixa sen luz a máis de 20.000 clientes de Gas Natural Fenosa en Galicia

A maior parte das incidencias concéntranse en Pontevedra con 11.700, seguida pola Coruña con 5.000 e Ourense por 3.000

O temporal de choiva e vento `Ana` deixou este domingo sen subministración eléctrica a máis de 20.000 clientes de Gas Natural Fenosa en Galicia, segundo informaron fontes da propia compañía.

En canto á clasificación por provincias, a maior parte das incidencias concéntranse en Pontevedra con 11.700, seguida pola Coruña con 5.000 e Ourense por 3.000. En Lugo rexistráronse 320.

A zona de Vigo é a máis afectada polos cortes de subministración eléctrica. En total, na cidade viguesa producíronse un total de 4.000 incidencias, especialmente concentradas en Valladares e Zamáns.

Tamén sufriron cortes de luz as localidades pontevedresas da Estrada e O Porriño. En canto á provincia da Coruña, as zonas de Valdoviño e Cariño sufriron cortes de luz, así como as contornas de Rianxo, Dodro, Padrón, Ordes, Noia, Mazaricos, Outes, Muxía, Porto do Son, Alvedro, Carral, Betanzos e Laxe.

En Ourense, varios puntos dos municipios de Carballeda de Avia, Verín, Avión e Carballeda de Valdeorras sufriron cortes de subministración; mentres que en Lugo, as localidades afectadas atópanse nos concellos de Láncara, Sarria e Samos.

Segundo apuntou Gas Natural Fenosa, a maioría de incidencias producíronse pola caída de ramas e árbores sobre as liñas do tendido eléctrico.

Te puede interesar