Vigo ten 3 meses para pagar 2 millóns de sanción urbanística en Nebrija

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo ditou hoxe un auto en que dá tres meses de prazo ao Concello para que pague 2.013.141,58 euros por incumprir un acordo de cesión dunha parcela para un parque público en troca dunha edificabilidade no ámbito de Nebrija.

Desa cantidade, 989.801,68 euros corresponden á indemnización fixada por unha sentenza firme de setembro de 2009, e os 1.023.339,69 euros restantes a xuros de mora computábeis desde o día 29 de abril de 1993.

O concelleiro do PP Antonio Bernárdez exhortou nunha rolda de prensa o Goberno local a que faga efectivo o pagamento en canto os servizos xurídicos municipais valoren este novo auto, contra o que cabe interpor recurso de casación, tendo en conta que cada día que pasa a débeda aumenta en 108,47 euros polos xuros.

Bernárdez reprochou ao alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, que a súa xestión se limite a 'pagar sentenzas' herdadas de 'gobernos do PSOE', e apuntou que a da promotora Miraflores, cuxa contía ascende a 13 millóns de euros, está 'no trámite final' para que se proceda ao seu aboamento.

O edil popular pediu a Caballero 'menos malgastar en carteis' e que 'saia de Vigo' para realizar xestións en favor do porto ou o naval, en vez de 'falar por teléfono', porque 'con quen o fai se o Goberno non está?', preguntouse.

Te puede interesar