A Xunta espera resposta de Bruxelas sobre a arbitraxe para as preferentes

A Xunta agarda unha resposta de Bruxelas sobre a proposta de arbitraxe para resolver as reclamacións dos aforradores que investiron nas denominadas participacións preferentes bancarias, indicou hoxe en Vigo o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.
Nunhas declaracións a un grupo de xornalistas, Guerra recalcou que a arbitraxe é 'a solución a curto prazo' que pode propor a Comunidade Autónoma para 'algunhas persoas afectadas' pola compra destes produtos bancarios.

Agora ben, o Goberno autonómico 'continuará insistindo' noutras 'liñas' sobre as que vén traballando, como a colaboración coa Fiscalía Xeral de Galicia, que prevé interpor unha demanda colectiva pola vía civil a finais deste mes.

Neste sentido, resaltou que o fiscal presentou 900 demandas, todas xestionadas polo Instituto Galego de Consumo, en cuxas oficinas se continúa ofrecendo información aos afectados.

Ao ser preguntado por se a liña de axudas ao sistema financeiro español por un importe máximo de 100.000 millóns de euros aprobado nesta fin de semana axudará a solucionar o problema das preferentes, o conselleiro contestou que todo dependerá, no caso do Novagalicia Banco, de como se capitalice.

Guerra sinalou que ao ser un banco público 'limita moito as posibilidades de solución', porque 'Bruxelas ten moito que dicir'.

Outra cousa sería, apuntou, se o Novagalicia Banco se recapitaliza e 'pasa a ser un banco privado'.

Te puede interesar