A ‘comandante’ do programa da Televisión Galega asegura que ‘fixemos felices a moita xente’

Isabel Blanco: ‘Comando Chef’ demostra que os galegos somos acolledores e colaboradores’

Blanco coas protagonistas de mañá.
’Foi unha oportunidade única para facer feliz á xente’, asegura Isabel Blanco. A comandante de ‘Comando Chef’ considera que este programa demostra o ‘acolledores que somos os galegos porque nunca tivemos un non por resposta’, pese a presentarse nas casas sen previo aviso.
É a comandante do programa, a encargada de que todo esté a punto e, o máis difícil, a responsable de que, cando timbran e abren a porta, lle explique ao inquilino ou inquilina: ‘Ola, somos o ‘Comando Chef’, da TVG, e imos entrar na súa casa para arranxala e preparar unha cea para compartila cun famoso ao que vostede admira’. Todo un reto que Isabel Blanco sempre logrou superar. ‘Ser coñecida axudoume. Imaxinade. Presentámonos sen previo aviso nos domicilios particulares o cociñeiro, o maître, os cámaras, os técnicos de son, o rexedor, eu... todos vestidos de negro e coas camisetas do programa. Hai que recoñecer que é un pequeno asalto no teu propio fogar’.

Pese a todo, o ‘Comando Chef’ nunca tivo un ‘non por resposta’. ‘Este programa demostra que os galegos somos moi acolledores, colaboradores e alegres. A xente quere facer gala de ser un bo anfitrión’, asegura Isabel Blanco, que insiste en que este proxecto foi unha das súas mellores experiencias a nivel profesional e persoal, tanto polo contacto coa xente como co resto do equipo, co que ás veces tivo que establecer turnos para poder falar debido ao pequeno que eran algúns pisos.

Anécdotas

Isabel Blanco tamén foi a encargada de contactar coa xente que fai de ‘gancho’ e que facilita a información sobre as persoas ás que van a sorprender. ‘Moitos quedaban bloqueados. Non se imaxinaban que fose real que aqueles aos que admiraban dende anos fosen a cear ás súas casas’, explica. Por iso, o papel de Isabel tamén foi un pouco de psicóloga para tranquilizalos e corroborar que o que lles estaba a pasar era real. ‘Moitos, chamaban ao día seguinte para agredecer e asegurar que fora o mellor día da súa vida’. Deste xeito Isabel Blanco non dubida en afirmar que o ‘Comando Chef’ foi unha oportunidade única para poder facer feliz á xente’.

A rodaxe do ‘Comando Chef’ fíxose nun tempo record, en concreto, a programa por día (17 en tres semanas). Todo un reto no medio televisivo que Isabel Blanco describe como ‘alucinante, vertexinoso e trepidante’. ‘Foi unha experiencia moi dura e, ao mesmo tempo, moi enriquecedora’, explica. Por iso, Isabel bota en falta que na montaxe final non se aprecien máis os detalles das gravacións, anécdotas que xurden de presentarse nunha casa sen previo aviso con obxectivo de preparar unha cea en 60 minutos para cear cun famoso, como ‘esconder as cousas no baño para dar a sensación de que todo estaba recollido’.

NOVO PROGRAMA

A voltas cun mantel e Piñeiro

‘Comando Chef’ emitirase de novo mañá (21,40 horas) pola Televisión de Galicia. Nesta ocasión, o invitado a cear será Xosé Manuel Piñeiro, ‘Superpiñeiro’. Isabel Blanco aclara que é moi difícil mover a Piñeiro ‘do sofá se non é o de ‘Acompáñanos’ ou o da súa casa’. ‘Aceptou o reto e viviu unha situación un pouco surrealista. Hai que pensar que el está nos salóns de moita xente a través da televisión. De repente, esa situación transformouse e Amparo (a señora da casa) puido falar co presentador dun xeito físico e real’, explica Isabel Blanco.

As anécdotas non faltaron. ‘Foi unha odisea para o equipo aparcar na Avenida de Madrid en Vigo. Ademais, non podíamos levantar sospeitas no edificio. Se de repente os veciños ven aparecer a tanta xente, ¿non poderían pensar que era un roubo?’.

O mantel elexido por Rafa Durán, o maître, tamén deu que falar. ‘Rafa buscou un que combinase ben co resto da mesa e o salón. A señora non quedou moi contenta porque decía que tiña outro máis bonito. Afortunadamente, a Piñeiro encantoulle’, asegura.



Te puede interesar