Andrea Justo: "Verín é fogar, a calma e liberdade que existe non a atopas na cidade"

Andrea Justo.
photo_camera Andrea Justo.

Andrea Justo é estudante de medicina en Barcelona

Andrea Justo naceu en Verín pero creceu en Ourense. Agora estuda en Barcelona e volve á comarca de Monterrei no verán para reencontrarse coa familia e amigos, o seu lugar de paz. Verín e Rebordondo (Cualedro) son as localidades das que mellores recordos garda da infancia. Aínda que os seus plans de futuro están lonxe de aquí, regresar ao seu lugar de nacemento cada vez que pode é para ela unha prioridade. A tranquilidade, a liberdade ou poder gozar da familia e os amigos son as súas “metas” cando volve a súa vila natal. 

Por que volve cada verán?

Toda a miña familia, a excepción da miña nai, que vive en Ourense, están aquí: avós, tíos, padriños…

Que significa para vostede este lugar?

Para min Verín é fogar, familia. Cando veño aquí sempre é en vacacións, así que tamén é verdade que o teño idealizado. Verín é sinónimo de descanso, de tempo libre, de desfrutar dos meus.

Que lle gusta máis do rural?

A calma, aquí teño a sensación de que todo vai un pouco máis amodo, e a liberdade: con 12 anos andabas sola por Verín, ías ás festas dos pobos e non pasaba nada, na cidade con 12 anos non tes esa liberdade.

Nota o cambio con Barcelona?

Si, moito, pero agradezo esa vida tamén. En Barcelona sempre hai algo que facer e tes unha gran oferta de todo, nos lugares máis pequenos non anque gañas outras cousas. En Barcelona tes que saír de casa dúas horas antes para chegar a tempo aos sitios, aquí en 10 minutos estás en calquera parte. Unha vantaxe de Verín é que aforras, en Barcelona a vida é cara, tes que pagar por todo o que fagas. Alí boto de menos sentarme en calquera mesa dun parque a xogar as cartas ou falar simplemente. 

Aínda que a súa vida está fóra… imaxínase volvendo aquí?

A verdade é que non, teño claro que Verín sempre será o meu lugar ao que volver, onde está a miña casa e a miña familia, pero non me imaxino facendo a miña vida aquí polos plans de futuro que teño.

Se tivera que escoller algún recordo da infancia… cal sería?

De Verín venme automaticamente á cabeza as cabalgatas de Reis que remataban cos agasallos no pavillón e o Entroido, datas que sempre paso en Verín dende que teño uso de razón. Pola súa banda, en Rebordondo recordo moito os días de inverno nos que facía moito frío e a avoa facía chocolate para todos, tamén as noites de verán cando eramos pequenos e quedabamos todos os primos na aldea, agora cada un ten a súa vida e xa non nos vemos nunca, boto de menos esas cousas, a verdade.

Que lugar da comarca lle recomendaría visitar a alguén que vén por primeira vez?

Hai un montón de lugares para ver e visitar na nosa vila, pero creo que os lugares de visita obrigada son o Castelo de Monterrei e o balneario de Cabreiroá… Tamén é bonito pasear pola Fonte do Sapo ou o Pozo do Demo. E sendo eu de Rebordondo, non podo deixar de recomendalo (ri).

Te puede interesar