O líder de Alternativa Galega de Esquerda defendeu que 'é o momento dun cambio de rumbo' a partir do 21 de outubro

Beiras: 'Todos padecemos privacións tras anos dun desgoberno absoluto'

Xosé Manuel Beiras e David Calviño, cabeza de lista por Ourense, ante o numeroso público que abarrotou a sala do Auditorio Municipal no que se desenvolveu a conferencia. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
'Hai que votar con uve para poder botar con be'. Con este aceno pechou onte o seu discurso o líder de Alternativa Galega de Esquerda -alianza entre Anova e Esquerda Unida- Xosé Manuel Beiras, encargado de inaugurar o ciclo de conferencias políticas que continuarán nos vindeiros días na cidade de Ourense organizadas polo Foro La Región. A iniciativa foi presentada polo cabeza de lista de AGE por Ourense, David Fernández Calviño, quen destacou que 'hai que dar voz a ese 99 por cento de poboación agredida polo goberno estatal e autonómico'.
A cita tivo un exitoso poder de convocatoria enchendo por riba do seu aforo unha das salas do Auditorio Municipal. Malia que moitos ourensáns se quedaron de pé, ou ás portas do mesmo enclave, ninguén quixo perderse un discurso fiado con inxenio, repleto de metáforas e interrumpido en numerosas ocasións polos sorrisos e polos aplausos dos asistentes. En definitiva, 'de moito nivel, como os de sempre de Beiras' segundo non dubidou en apostillar un dos participantes na ronda de preguntas.

O histórico nacionalista calificou o momento presente como de 'situación límite e de urxencia' e arremeteu contra as políticas do goberno popular encabezado por Alberto Núñez Feijóo ao equiparalas a 'catro anos de desgoberno absoluto'. Para Beiras 'hoxe os que non teñen cartos están na indefensión'. Ademáis, 'todos estamos padecendo privacións e hai xente que pasa fame'. Unha idea na que recalou varias veces durante a conferencia avogando por unha maior presenza dos cidadáns na política, así como fixo alusión á importancia de recuperar a súa confianza posto que 'a xente non ten unha clase política á altura dos cidadáns que quedan reducidos a súbditos e ovellas'.


UN CAMBIO

Beiras definiu a Feijóo como ao 'señor de los hilillos' e destacou a súa 'incapacidade para resolver problemas'. Tamén achacou ao goberno popular a 'campaña de analfabetización da propia lingua e o desmantelamento do tecido asociativo do país'. Explicou que é o momento dun cambio de rumbo posto que existe 'unha queima do Partido Popular a todos os niveis'. O listado de críticas tamén salpicou ao presidente do goberno central, Mariano Rajoy en grande parte pola reforma laboral e polos recortes de dereitos.

A defensa do dereito de autodeterminación, da soberanía, das liberdades e da dignidade centraron a meirande parte do discurso do histórico líder nacionalista. Tamén asegurou que é o establecemento de prioridades como a sanidade ou a educación pública son as que deben primar á hora da distribución dos cartos 'sexan os que sexan'. Polo tanto Beiras concluíu que a resposta ao despilfarro de fondos non é a austeridade -bandeira das políticas de Feijóo- posto que iso 'é o que facían os médicos do século XVI sangrando aos enfermos ata a súa morte'. Con todo, e ante a inminente celebración dos comicios Beiras destacou que 'é o momento de que a xente non se quede calada'. Tamén aclarou as dúbidas dun grupo de afectados polas preferentes que seguiron o discurso tras ser convidados polo conferenciante á entrada do Auditorio.

Te puede interesar