Caixanova inaugura en O Carballiño a exposición fotográfica 'Ríos de Galicia. Tesouros de vida'

O Auditorio Municipal de O Carballiño acollerá dende o xoves ás 20.00 horas a exposición fotográfica 'Ríos de Galicia. Tesouros de vida', organizado por Caixanova.
Tras o acto inaugural proxectarase o documental 'Augas vivas de Galicia', que foi producido pola entidade financeira galega.

Segundo explicou a entidade, a exposición consta de 50 instantáneas realizadas polo fotógrafo submarino José Luis González ao longo de 15 anos de traballo ‘nas máis diversas e recónditas paraxes da xeografía galega’.

Así, indicou Caixanova, ‘a través das súas lentes captou imaxes sorprendentes’, que ‘reflicten o bulicio da vida que se esconde’ no silencioso interior dos fermosos ríos galegos’. Animais como a londra ou a cobra, a vexetación subacuática ou o bosque de ribeira protagonizan instantáneas que ‘reflicten a grande beleza duns ecosistemas que resisten aínda os embates da modernidade’.

Director da Semana de Cinema Submarino de Vigo dende a súa primeira edición, José Luis González, foi galardoado ademais polo seu traballo como fotógrafo en numerosos certames nacionais e internacionais. Entre outros recoñecementos, foi Campión de España de Fotografía submarina en 1993 e 1997, Campión do Mundo por Equipos nos seus VII edición, en 1998, e distinguido coa Medalla de Bronce da Real Orde do Mérito Deportivo, que entrega o Consello Superior de Deportes.

A mostra poderá visitarse na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de O Carballiño ata o 14 de maio no horario habitual da sala. O luns e martes, 27 e 28 de abril respectivamente, habilitaranse quendas especiais para os escolares, logo de cita.

Te puede interesar