CARBALLIÑO

Cantando á poesía e á lingua

A Insua dos Poetas acolleu a máis de 350 escolares da comarca e da Estrada para celebrar o VII Día da Árbore, a Auga e a Poesía. Os nenos fixeron actuacións inspiradas nos grandes autores galegos e plantaron árbores.

Os escolares desbordaron imaxinación e arte nas súas actuacións durante a celebración do VII Día da Árbore, a Auga e a Poesía, que se desenvolveu este mércores na Insua dos Poetas, na Esgueva de Madarnás (Carballiño). Inspiráronse en recoñecidos autores galegos, sendo os preferidos  Rosalía de Castro e Manuel María, elexidos por varios colexios, pero a creatividade tamén xurdiu a raudales co legado de Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, Xosé Neira Vilas e Manuel Rivas.

Cancións, bailes, recitales e moito entusiasmo aportaron os rapaces que foron desenvolvendo diversas representacións, contando co apoio dos profesores. O colexio Eulogio Gómez Franqueira, do San Amaro, abría o telón cantando "Ourense no solpor" de Manuel de Dios, dando paso as actuacións dos centros de Beariz, Terras de Maside, Nosa Señora de Xuvencos (Boborás), Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro, do Carballiño, dos institutos Número 1 e Chamoso Lamas, o colexio do Irixo e Foxo da Estrada, como convidado nesta edición, que pechou as actuacións coa Pandeirada Solar, que os nenos acompañaron bailando.

Foron máis de 350 rapaces os que se xuntaron neste paraxe da Insua dos Poetas, que calificaba o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como unha "utopía feita realidade", impulsada polo escritor Luis González Tosar, contando co apoio da Deputación provincial. Fumega celebraba que "o Carballiño vai contar co parque temático escultórico máis importante de Galicia". Un paraxe natural "onde se mezcla a natureza salvaxe e brava coas esculturas", matizaba o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Luis González Tosar sinalou que "un dos principios que rixen esta república de soños, de palabras, de arte e de poesía, é o agradecemento", e entroutros, referiuse ao que foi director do IES Número 1 do Carballiño, Manuel Amil, que impulsou esta celebración coa participación dos escolares fai sete anos. O escultor, Acisclo Manzano, entregáballe unha peza conmemorativa.

Nesta edición, a obra escultórica que se suma a outras moitas que xa perduran na Insua dos Poetas é unha creación de Acisclo Manzano, un  "ourensán universal", segundo o definiu o presidente da Deputación, Manuel Baltar. Trátase dunha representación de Kalíope, a Musa da Poesía, que xa ocupa un lugar privilexiado dentro da Insua dos Poetas, na parte máis alta, desde onde se aprecia unha impactante paisaxe da comarca.

Román Rodríguez lembrou a colaboración que mantén a Xunta de Galicia coa Deputación, co Concello do Carballiño e co mundo da cultura "para facer este lugar case mítico e posibilitar facer actos fermosos como o de hoxe". E tamén animou aos rapaces a "seguir falando galego, respectando a lingua teremos futuro". Manuel Baltar pechaba o acto con palabras de agradecemento para os docentes que fixeron posible o espectáculo, "que ten que ver coa identidade e a dignidade", engadindo que "mentres haxa rapaces que falen e lean aos que fixeron de Galicia algo tan grande, o futuro está asegurado". Seguidamente, escolares, profesores e autoridades procederán a plantar as árbores.

Te puede interesar