CARBALLIÑO

O Concello de Carballiño adquirirá un fusil especial para matar velutinas

carballiño
photo_camera Un membro de emerxencias apunta co fusil.

Un sistema que permite alixeirar o equipamento, pois só precisa transportar un maletín co fusil e unha caixa coas bolas conxeladas en xeo seco ou neve carbónica

O Concello do Carballiño ten previsto adquirir un fusil de Paintball que permite disparar aos niños de vespas asiáticas e deixalos inutilizados. Este sistema está sendo empregado en Cantabria desde fai dous anos cun alto grao de eficiencia, segundo apuntaron os representantes da empresa Asiatic Wasp Ball, que levou a cabo unha demostración este mércores na sede de Protección Civil e do Grupo municipal de Emerxencias.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, asistiu xunto con representantes de Protección Civil, de Emerxencias e do Parque de Bombeiros de Carballiño-O Ribeiro á demostración. Trátase dun fusil que dispara bolas (vectores conxelados) nas que se introduce o veneno que, unha vez desolto dentro do niño, mata ás vespas e o inutiliza. Segundo os representantes desta empresa, que asegura que O Carballiño será o primeiro oncello de Galicia en usar este sistema, o 95% das veces o niño queda tratado á primeira, non sendo necesaria unha segunda intervención.

Este sistema permite ademais alixeirar o equipamento, pois só precisa transportar un maletín co fusil e unha caixa coas bolas conxeladas en xeo seco ou neve carbónica. Tamén posibilita atacar niños a moita altura e con maior seguridade, e resulta moito máis rápido que o uso dunha pértiga, como se fai actualmente, que non permite chegar a niños en certas alturas e require o traballo de varias persoas. 

Tras a demostración, o alcalde afirmou que o concello ía adquirir un destes fusiles, cuxo custo é duns 2.000 euros, coa munición incluída. Segundo dixo Francisco Fumega, "o traballo de eliminación destes niños é moi laborioso e supón moitas horas para os servizos de Emerxencias e Protección Civil, que se perden de facer moitas outras cousas necesarias". 

A experiencia contrastada e os resultados acadados en Cantabria e Navarra acabou por convencer ao alcalde e aos integrantes de Protección Civil da súa utilidade.

Te puede interesar