Marnotes lembra que as instalacións da Medela, onde está agora, custaron 270.000 euros'

O Concello de Carballiño pretende ubicaro Punto limpo na Uceira

Instalacións actuais do Punto Limpio.
O concelleiro de Medio Ambiente do Carballiño, Bernardo García Nóvoa, anunciou onte o futuro traslado do Punto limpo, adicado á almacenaxe de residuos voluminosos, dende o seu actual emprazamento no monte de A Medela ata o contorno do polígono industrial de A Uceira. O edil nacionalista xustificou esta medida, 'tendo en conta que a ubicación do almacén está a tres quilómetros do casco urbán da vila, unha distancia considerable para as empresas ou particulares que desexen levar alí calquera material de desfeito'.
García Nóvoa fixo estas declaracións no recinto do Campo da Feira, situado no barrio de A Uceira, onde se están levando a cabo traballos de habilitación de vestiarios, almacén e taller para a brigada municipal que se adica á recollida de lixo e xardinería. O concelleiro indicou que 'esta zona é mellor para acoller o Punto limpo, xa que está perto do Carballiño (dous quilómetros) e prestaría un servizo máis cómodo ás industrias do polígono e do parque empresarial de Seoane'.


TERREO

Bernardo García apuntou que 'o obxectivo é concentrar aquí tódalas actividades do departamento de Medio Ambiente, onde xa temos gardados os camións compactadores de recollida de lixo e o resto do parque automobilístico, e tamén instalaremos un sistema de lavado dos contedores de lixo das rúas da vila e das parroquias do rural, e que agora estase a facer con mangueiras a presión'. O concelleiro do BNG non adiantou prazos para a execución do traslado do Punto Limpo, 'xa que teremos que buscar un terreo en condicións, pero sempre neste contorno da Uceira'. Unha iniciativa que ó voceiro do PP na Corporación, Argimiro Marnotes, lle parece 'unha auténtica tolería, tendo en conta a historia das xestións feitas polo equipo de goberno do Concello (co socialista Manuel Vázquez á súa fronte) para facerse cos terreos da Medela e poñer alí o Punto limpo e a canceira municipal'.

Así, o edil 'popular' lembra a polémica suscitada pola permuta da finca de 21.500 metros cadrados (que agora ocupa o almacén de residuos e a canceira) 'por un terreo comunal en Señorín, que lle foi adxudicado a un particular'. Ademais, Marnotes sinala que 'a Consellería de Medio Ambiente investiu hai 10 anos máis de 270.000 euros na construcción do Punto limpo, e agora resulta que agora non é válida a súa ubicación para o señor alcalde e os seus socios do BNG'.

Por outra banda, o tamén presidente comarcal do PP engade que 'dá a impresión de que ó Concello do Carballiño non lle interesa manter a feira de gando na Uceira, afogando con novas infraestructuras un recinto que precisamente foi ideado para recuperar a afluencia de visitantes os días 16 e 31 de cada mes'. Unhas instalacións nas que ó mediodía de onte estaban ocupadas por automóviles (incluso un da Policía Local), a meirande parte deles procedentes das retiradas que leva a cabo a grúa municipal por infraccións á ordenanza de tráfico, e outros precintados por orde xudicial.

Te puede interesar