O CARBALLIÑO

Desfiles, bailes e cachucha, eixos do Entroido deste ano

<p></p>
photo_camera Manuel Dacal e Diego Fernández na presentación da programación do Entroido.

O Concello instalará unha gran carpa para desenvolver a programación no caso de que chova

As concellerías de Cultura e Promoción Turística do Carballiño organizan o Entroido, no que se contará con sete días de actividades e festexos, que comezarán o venres, día 5 de febreiro, e rematarán o domingo de piñata, 14 de febreiro, coa celebración da XXII Festa da Cachucha. Charangas, folións, comparsas, orquestras e DJs porán a animación polas rúas e prazas do Carballiño que, nesta ocasión disporá dunha gran carpa na Praza do Emigrante, en prevención de que se produzan condicións climatolóxicas adversas. Esa é unha das novidades, mediante a que se pretende garantir o desenvolvemento da programación aínda que chova.

Nenos e maiores terán o seu propio baile de disfraces, o sábado e o domingo, respectivamente, e tamén como novidade este ano, o desfile da Festa da Cachucha celebrarase pola mañá, cara ao mediodía, co obxectivo de promover a máxima concurrencia ao xantar nos preto de 30 restaurantes e mesóns que ofrecerán o menú típico do cocido de cachucha.

"É un programa que non vai deixar indiferente a ninguén", apuntaba o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado polo de Turismo, Manuel Dacal, destacando ambos a gran animación prevista nas rúas e actividades tanto para nenos como para maiores. Os dous concelleiros agradeceron o esforzo da hostelería local que financia unha orquestra e se suma maioritariamente á Festa da Cachucha, e tamén celebran a importante participación que haberá nos dous desfiles, para os que xa hai unha grande variedade de comparsas interesada (aínda sen rematar o prazo para apuntarse) que, según sinalaron, non só asistirán o martes senón tamén o domingo de piñata e xa pensando tamén no Entroido de Verán.

Na noite do luns e tarde do martes haberá baile de disfraces coa orquestra-espectáculo Fórmula e non faltará a actuación da comparsa histórica, Os Liborianos, que cantarán as súas coplas o sábado pola tardee, nin tampouco o Enterro da Sardiña, con Aspadisi.

Te puede interesar