Responsable local do BNG

Eladino Cabanelas: ‘Achegaremos o proxecto do BNG a toda a comarca’

Eladino Cabanelas. (Foto: Martiño Pinal)
O responsable local do BNG, Eladino Cabanelas, aposta por un pacto co PSOE.
A asamblea de militantes do BNG do Carballiño elexiu o pasado venres a Eladino Cabanelas Fernández coma novo responsable do consello local desta formación política. Iste delineante, que hoxe cumpre 45 anos, naceu na parroquia de Vilela, en Punxín, e foi voceiro nacionalista na Corporación deste municipio entre 2003 e 2007.

Como foi o proceso do seu nomeamento?

O que se trataba era de descargar de traballo a Áurea Francisco Lorenzo, que era a anterior responsable local, para que poida ter unha mellor adicación á súa tarefa de concelleira na Corporación carballiñesa, mentres o compañeiro Cándido Fernández relevoume no meu posto de secretario de organización, e Diego González actuará como segundo responsable.

Istes relevos supoñen un cambio de rumbo no BNG?

A verdade é que hai máis cambios de postos que de facianas, e cada persoa do consello local vai ter o seu cometido específico. Pero un dos obxectivos que nos plantexamos é de non reducir o traballo da formación ó municipio do Carballiño, senón amplialo ó resto da comarca, porque na realidade representamos ós nove municipios.

Iste plantexamento significa un mellor achegamento á sociedade en xeral?

Por suposto. Outro dos nosos obxectivos é acadar un meirande número de apoios entre os vecíños e veciñas, co punto de mira na captación de persoas que poidan estar interesadas no noso proxecto e involucrándoas na procura dunha base máis amplia e sólida cara a vindeiras citas electorais. Tamén se trata de recuperar a confianza daquela xente que por algún motivo optou por votar a outras alternativas.

Como valora o achegamento do BNG ó PSOE no Concello do Carballiño?

Neste tema non me quero pronunciar, xa que hai un grupo municipal que iniciou estas conversas co alcalde ó abeiro da decisión maioritaria tomada pola nosa asamblea local, que é soberana. Aí está o noso voceiro na Corporación, Manuel Amil Otero, quen é o interlocutor válido para levar a cabo ise posible achegamento.

Cre posible un futuro pacto de goberno?

Confiamos en que tanto nós coma os socialistas poidamos acadar un punto de encontro que posibilite un pacto para gobernar Carballiño. Penso que o futuro deste pobo pasa por un consenso que favoreza a xestión municipal ata o 2011, e así rematar cunha situación que xa é insostible.

Te puede interesar