Unhas 170 persoas integrarán o dispositivo de seguridade na celebración do vindeiro 14 de xuño

O Encontro de Maiores amplía a invitación a tódolos centros de emigrantes do Estado

Manuel Amil, Ferreiro Abelleira, Montes e Concepción Camiña, na xuntanza. (Foto: Martiño Pinal)
O programa ‘Lecer para os nosos maiores’ chegará ó Carballiño o 14 de xuño baixo a organización da Vicepresidencia da Xunta, cunha previsión de 15.000 asistentes. O delegado provincial, Ferreiro Abelleira, confirmou que ‘nesta edición invitaremos a tódolos centros de emigrantes galegos espallados polas comunidades do Estado’.
Os representantes das institucións e organismos públicos implicados na organización do terceiro encontro ‘Lecer para os nosos maiores’, promovido pola Vicepresidencia da Xunta, mantiveron onte unha xuntanza para coordena-las actividades que se desenvolverán o vindeiro 14 de xuño no Parque municipal do Carballiño.

Nesta reunión participaron, entre outros, o alcalde Carlos Montes, os delegados de Vicepresidencia, Xosé Ferreiro Abelleira, e de Presidencia, Concepción Camiña, nun clima de confianza que se está a consolidar entre o Concello carballiñés e o departamento de Anxo Quintana, superado o desencontro de hai dous anos. Segundo as previsións dos organizadores, serán ó redor de 15.000 persoas que se acheguen ata O Carballiño nesa xornada festiva. Ferreiro Abelleira comentou que, ‘ademais dos participantes tradicionais no encontro que veñen dos fogares do xubilado e centros sociais das catro provincias galegas, Castela-León e Asturias, neste ano imos cursar invitacións a unha representación dos centros de emigrantes galegos espallados polas comunidades do Estado’.

Na xuntanza acordouse para o 14 de xuño a posta en marcha dun operativo de seguridade integrado por unhas 170 persoas, entre axentes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local, voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella, e per sonal do servizo de Urxencias 061. Istes efectivos estarán dotados de vehículos todoterreno e de extinción de incendios, ambulancias e postos de atención sanitaria.

Tráfico

O dispositivo tamén incluirá un mapa de control do tráfico, de xeito que os automóbiles deberán acceder ó Parque carballiñés dende o cruce de Godás, na estrada N-541, e entrar polas avenidas do Arenteiro e residencial, onde se habilitarán aparcamentos.


Te puede interesar