O CARBALLIÑO

Fumega renegociará o custo do servizo do lixo

O futuro alcalde non descarta que volva a ser municipal se a Deputación non rebaixa o prezo

O futuro alcalde do Carballiño, Paco Fumega, anunciou onte que unha das súas primeiras medidas de goberno será revisar o convenio para a recollida do lixo que o PP asinou coa Deputación, e que "supuxo un incremento de 300.000 euros de gasto para as arcas municipais durante o mandato de Marnotes, a cambio dun empeoramento do servizo", segundo sinala.

O PSdeG expresou dende o primeiro momento a súa disconformidade con este convenio, que implicou que os carballiñeses "pasásemos de pagar 340.000 euros polo servizo de recollida do lixo en 2010 a incrementar o gasto ata chegar aos 650.000 euros en 2014". Ademais do que califica "desorbitado incremento do gasto", engade Paco Fumega que o convenio asinado entre o goberno do PP e a Deputación de Ourense non supuxo ningún tipo de mellora no servizo.

Por ise motivo, sinala que unha das primeiras iniciativas que levará a cabo cando tome posesión o novo goberno, o vindeiro 13 de xuño, será renegociar este convenio a fin de evitar que os carballiñeses "sigan pagando un custo desmesurado por un servizo deficitario", non descartando que volva a ser municipal.

Te puede interesar