O CARBALLIÑO

A vila acolle desde mañá unha nova Feira do Stock

Celébrarase na Praza Maior, organizada polo Centro Comercial Aberto

O Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño organiza unha nova edición da súa Feira de Stock, que terá lugar de venres a domingo da próxima fin de semana, na Praza Maior, e coa que colabora o Concello. Moda, complementos, zapatos, libros e flores, entre outros artículos, poderán mercarse con descontos de ata o 80%. Esta feira coincidirá tamén coa de artesanía, que se instala na rúa principal do pobo e na Praza Emilia Pardo Bazán.
Neste últimos días, a brigada de obras do Concello procede a acondicionar o recinto e instalar os 23 stands, que permanecerán abertos ao público o venres, en horario de 17,00 a 21,00 horas; o sábado, de 11,00 a 14,00 horas, e de 16,00 a 21,00 horas; e o domingo, tamén de 11,00 a 14,00 horas, e pola tarde, de 16,00 a 21,00 horas.

O evento foi presentado onte no salón de plenos do Concello do Carballiño polo presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga;  a xerente desta asociación, Noelia Mares; e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira.

Tanto Garriga como Nogueira e Mares convidaron aos veciños e veciñas do Carballiño e da comarca a achegarse durante estes días ata a Praza Maior para visitar a feira e mercar roupa, calzado e outro tipo de productos con grandes descontos, que marcan os propios comerciantes, pero que nalgúns casos poden chegar ao 80% do seu valor anterior, segundo apuntaron os responsables do CCA.

Así mesmo, destacaron o feito da celebración do décimo aniversario desta iniciativa, considerando que é un reflexo do dinamismo do comercio local, engadindo que esperan un éxito semellante ao das pasadas edicións.

Julian Garriga lembraba que se trata dunha iniciativa comercial que repercute na economía de toda a vila, manifestando tamén o seu agradecemento ao Concello pola aportación da infraestructura necesaria.

Adolfo Nogueira destacaba esta feira cada vez máis implantada e que forma parte do ciclo comercial do Carballiño, ao mesmo tempo que convida aos veciños da comarca a aproveitar estas ofertas. "Despois do éxito do Entroido e da Cachucha intentamos seguir dando vida ao pobo neste próximo fin de semana", sinalou.

Te puede interesar