DÍA DO LIBRO

A vila recorda hoxe, Día do libro, a obra de Manuel María

Representantes da institución municipal, das entidades culturais e dos centros educativos da vila e da comarca participarán neste evento, lendo cada un poemas de Manuel María

Manuel María e, sobre todo, o seu libro dedicado ao Carballiño, Cantigueiro de Orcellón, serán os protagonistas da velada literaria que se desenvolverá hoxe na Casa da Cultura do Carballiño, a partir das 12,00 horas, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro. Representantes da institución municipal, das entidades culturais e dos centros educativos da vila e da comarca participarán neste evento, lendo cada un poemas de Manuel María.

En total, haberá máis de 30 lecturas de cantigas dedicadas ao Carballiño e á comarca, chamada antigamente Orcellón, referidas aos lugares máis senlleiros, aos oficios tradicionais e a persoeiros, entre outros temas. Pero tamén se lerán poemas doutros libros do escritor lucense ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Este evento literario, na Casa da Cultura do Carballiño, está organizado polo servizo de normalización lingüística, dependente da Concellería de Educación e Cultura, e celébrase en colaboración coa Fundación Manuel María e a Federación Galega de Municpios e Provincias, que fixeron unha convocatoria para dedicar este día a Manuel María.

Te puede interesar