A programación das xornadas de cine será do 1 ó 10 de agosto, cun orzamento de 50.000 euros

Xociviga incluirá obradoiros xuvenís para a aprendizaxe de técnicas cinematográficas

Carlos Montes e Inmaculada Ucha, nun adianto das Xociviga do Carballiño. (Foto: Martiño Pinal)
Os rapaces do Carballiño poderán iniciarse ó mundo do cinema nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), que acadan as vodas de prata do 1 ó 10 de agosto. O director José Luis Cuerda e o actor José García serán protagonistas do evento, ‘no que haberá moitas sorpresas’, adiantou a concelleira de Cultura, Inmaculada Ucha.
O panorama audiovisual galego e comercial voltará a ser o eixo das ‘Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia’ (Xociviga) na súa vixésimoquinta edición, que se celebrará no Carballiño entre os días 1 e 10 de agosto. Aínda que o programa de actividades ainda non está pechado, o alcalde, Carlos Montes, e a concelleira de Cultura, Inmaculada Ucha, presentaron o cartel anunciador e as invitacións á gala de inauguración, que se desenvolverá no Auditorio municipal.

O rexedor carballiñés agradeceu a colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta ‘para darlle un impulso definitivo a estas xornadas’, á vez que lembrou que ‘institucións coma o Centro Galego das Artes da Imaxe, a Escola de Imaxe e Son e a Federación de Cineclubes de Galicia foron creadas no marco das Xociviga, entre os anos 80 e 90’.

Curtametraxes

Inmaculada Ucha adiantou ‘moitas sorpresas’ na programación, e fixo referencia ós obradoiros cinematográficos orientados á participación dos xóvenes de tódalas idades.’Haberá clases de animación, modelación en plastilina e un apartado específico para a rodaxe e montaxe de curtametraxes, onde se seleccionarán ideas, localizacións, castings, vestiario e producción’ sinalou a concelleira.

Homenaxe ós organizadores

O alcalde do Carballiño, Carlos Montes, lembrou que ‘as Xociviga son o festival cinematográfico decano de Galicia, e por iso imos lembrar nesta edición das vodas de prata ás persoas que contribuiron á súa promoción e organización nos últimos anos’. Entre elas, o profesor e escritor Miguel Anxo Fernández, que coordinou o certame ata a década dos 90, ‘e a todos aqueles organismos e institucións que levan colaborado coas xornadas’, indicou o rexedor.

Carlos Montes fixo mención especial do actor francés José García, que xa é Medalla de Ouro do Concello do Carballiño, onde naceron os seus pais, e de José Luis Cuerda, cunha ampla traxectoria no mundo do cine a nivel internacional e vencellado dende hai unha ducia de anos á comarca. O alcalde tamén anuncio a estrea de ‘antigas filmacións da historia recente da nosa vila’.



Te puede interesar