O BNG de Ribadavia aprecia frustración no PP pola estabilidade do goberno municipal

O portavoz municipal do BNG e tenente de alcalde de Ribadavia, Anxo Collarte, valora a declaración do portavoz do PP, José Pérez Iglesias, coma ‘un despropósito máis moi propio da súa traxectoria política’, sinalou o nacionalista, referíndose ás manifestacións do concelleiro popular recollidas por este periódico no senso de que ‘hai un sometemento do BNG ó PSOE’.
Anxo Collarte considera lamentable que se valore ‘o maior período de estabilidade política no Concello de Ribadavia, que se abriu en 2003, como unha fase de sometemento do BNG ó PSOE, agás que o PP pretenda que o mellor para Ribadavia é voltar ós tempos de goberno que caracterizaron as etapas de José Pérez Iglesias no goberno municipal’.

O tenente de alcalde, engadiu que ‘cabe pensar que o PP o que buscar para sair do ostracismo político é desestabilizar o goberno municipal como noutros concellos’.

Paralización

O BNG manifesta que esta primeira metade da actual etapa de goberno ‘é un período positivo, de intenso traballo a prol dos veciños, dende a responsabilidade municipal e dende o contacto coa xente’.

Pola contra, os nacionalistas acusan ó goberno autonómico de Alberto Núñez Feijóo da paralización de proxectos fundamentais para Ribadavia coma o Museo do Viño de Galicia, o novo estadio deportivo do Xestal, a ampliación do colexio da Alameda, a adecuación do conservatorio de música municipal, a continudade da rehabilitación do castelo ou a ampliación do parque empresarial.


Te puede interesar