Castrelo de Miño organiza a busca dun tesouro na fin de semana

O programa de actividades do Concello de Castrelo de Miño para a vindeira fin de semana contempla dous cursiños de cata de viños e de seguridade, e un novidoso concurso, 'A busca dun tesouro'. Este certame de aventura desenvolverase durante toda a mañá do domingo, e está aberto a participantes maiores de 10 anos, que deberán inscribirse no teléfono 988 493 000 en equipos integrados por un máximo de cinco persoas.
Esta iniciativa municipal vén a sumarse a outras anteriores, orientadas á promoción turística de Castrelo, como foron a concentración de 'xardiñeiros virtuais', as viaxes nun globo aerostático e a posta en funcionamento dun catamarán para recorrer o embalse do río Miño. Neste caso, os conxuntos que participen na busca do tesouro recibirán un aparato de GPS para facilitar a súa orientación, ademais dunha mochila con comida e bebida, unha camiseta e unha gorra.

A programación elaborada polo grupo de goberno que dirixe o nacionalista Xurxo Rodríguez completarase o sábado con charlas orientadas ó fomento do voluntariado en emerxencias, impartidas por técnicos das agrupacións de Protección Civil de Castrelo, Barbadás, A Estrada e Toén, que se desenvolverán no Parque Naútico dende as 16.00 horas. Na mesma xornada, a partires das 10.00 horas, comezará un cursiño de cata de viños no albergue municipal, que continuará ata o 30 de outubro.

Te puede interesar