Un colexio de Melón renovará a súa pintura 10 anos despois

Un convenio entre a Consellería de Educación e o Concello de Melón permitirá acometer melloras no colexio público de Quins, como son o pintado do interior, a instalación dun novo valado e a construcción dun almacén.
O alcalde de Melón, Alberto Pardellas, confirmou que a Consellería de Educación vai financiar melloras no colexio público da parroquia de Quins, ‘que xa solicitamos nos últimos tres anos ó anterior Goberno da Xunta pero que nunca foron executadas’, sinalou o rexedor ‘popular’.

Pardellas mantivo onte unha entrevista co conselleiro, Xesús Vázquez, ‘que adquiriu o compromiso da sinatura dun convenio de colaboración para axudar á compra do material necesario para os traballos, xa que nós poñemos a man de obra’, apuntou o alcalde. No convenio contemplarase o acondicionamento do valado metálico do patio do colexio, ‘pois o deterioro é tal que os arames soltos poden causar unha lesión ós alumnos’.

Transporte

Por outra banda, Alberto Pardellas pediu a renovación da pintura das paredes interiores do centro educativo, ‘que levan máis de 10 anos sen pintar, co obxectivo de ter máis limpeza e evitar posibles problemas de alerxia ós rapaces’. Finalmente, Educación contribuirá á construcción dun almacén ó carón do pavillón deportivo para gardar o material de ximnasia, ‘porque na actualidade teñen que transportar os aparellos cada vez que queren usalos’. O alcalde de Melón confía en ‘ter rematados estes traballos antes do inicio do vindeiro curso escolar’.

Te puede interesar