Política

A oposición de Ribadavia bota en falta investimentos no 2020

Os socialistas lamentan que o grupo de goberno municipal "non dedique nin un só euro a inversións"

Os tres grupos da oposición de Ribadavia critican a proposta de orzamentos do goberno "popular" para o 2020, que se debatirá mañá xoves en pleno. Os socialistas lamentan que o grupo de goberno municipal "non dedique nin un só euro a inversións", e aseguran que "en sete meses con este alcalde ao fronte, nada se fixo por Ribadavia, máis aló de proseguir con obras do anterior goberno socialista". O portavoz, Nacho Gómez, destaca que "o PSdeG-PSOE está en disposición de encabezar este novo goberno, seguindo a sintonía do goberno progresista do Estado que encabeza Pedro Sánchez e que máis cedo que tarde se trasladará tamén a Galicia". 

"Non recollen nin unha soa inversión real, non hai un só euro nin para o parque empresarial, nin as beirarrúas de San Cristovo, nin para obradoiros de emprego, nin brigadas de limpeza, nin para material deportivo, nin para os saneamentos en A Groba, Sanín, Chabolas, Santo André ou Prexigueiro", subliñan os socialistas. 

Ribeiro en Común reclama uns orzamentos centrados nos verdadeiros problemas do concello que considera que son a falta de traballo e a crise poboacional."Rexeitamos a actitude demagóxica do PP, que non recolle ningunha partida coas propostas feitas por Ribeiro en Común en materia de emprego e servizos públicos", matiza. En canto ao BNG, critica o proxecto no que só se contemplan 12.425 euros de investimentos nun montante de 4.579.943 euros, o que supón o 0´27%, engadindo que as propostas do BNG non figuran con partida orzamentaria.

Te puede interesar