Os poetas do Ribeiro rinden homenaxe a Alonso Montero

Con motivo da celebración das II Xornadas Literarias: Xosé Carlos Gómez Alfaro, o Concello e diferentes colectivos culturais de Ribadavia e da comarca do Ribeiro apoian, colaboran e participarán nunha homenaxe popular organizada polo colectivo 'Por un Ribeiro Poético' ó profesor Xesús Alonso Montero, Catedrático Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, que o próximo mes de novembro será tamén nomeado fillo adoptivo da vila cabeceira da comarca do Ribeiro.
O colectivo 'Por un Ribeiro Poético' prevé rendir esta homenaxe nun acto que terá lugar o vindeiro día 4 de agosto. O programa para esa xornada inclúe a colocación dunha placa na casa familiar de Xesús Alonso Montero, na localidade de Ventosela.

Ademais, contémplase un acto oficial no centro social Igrexa da Magdalena de Ribadavia e outro máis popular no auditorio do Castelo dos Sarmiento. A organización, avisa que no caso de que chova este acto trasladarase ó Club Artístico de Ribadavia.


RECITAL

Por outra banda, o colectivo tamén organiza para hoxe unha nova 'Noite Poético-Subversiva', para a que xa ten confirmada a participación o ilustre profesor Xesús Alonso Montero. 'As Noites Poéticas-Subversivas están abertas a tódolos poetas', sinala un dos organizadores, Jaime Moreda Santamaría. Os interesados poden participar recitando as obras propias ou de outros autores, e tamén están abertas á presentación de poemarios ou libros. Será ás 23,00 horas, na 'Huella del Gato'.

Te puede interesar