melloras

Ribadavia mellora o núcleo de Sanín con 80.000 euros

Sanín.
photo_camera Un dos obxectivos é promocionar turísticamente o núcleo de Sanín.
As obras centraranse na pavimentación principal coas correspondentes canalizacións

A Axencia Galega de Turismo vén de aprobar unha achega de 80.000 euros para que o Concello de Ribadavia realice melloras sustanciais no núcleo rural de Sanín. 

As obras que se levarán a cabo nos vindeiros meses consistirán nunha nova pavimentación do camiño principal do mencionado núcleo, composto por un vial central de 2,3 metros de ancho e 15 centímetros de espesor de formigón gris cepillado. Contará, do mesmo xeito, coas súas correspondentes canalizacións de augas pluviais.

A ámbolos lados do camiño, nos perímetros e sobreanchos, disporase de adoquín de "granito moreno abuxardado", segundo informaron dende o propio Consistorio. Ademais, preténdese rebaixar o nivel da rasante do camiño entre 10 e 15 centímetros co obxectivo de mellorar o acceso dalgunhas vivendas que dispoñen dunha cota de entrada por debaixo da devandita rasante. 

Con respecto ás instalacións, proxéctase a colocación de novos sumidoiros no eixo central, que se conectarán á rede existente de pluviais para conseguir unha mellora na drenaxe, e repoñeranse as reixas das entradas ás casas. Por outra parte, prevese a reposición de 180 metros de canalización da rede de abastecemento existente que se encontra actualmente en mal estado. A rede proveerase dos correspondentes pozos de conexión, válvulas de comporta e demais accesorios necesarios para o seu correcto funcionamento.

O rexedor local de Ribadavia, Cesar Fernández, amosou a súa "satisfacción" pola aportación de esta axuda, e agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración, "unha colaboración moi necesaria", dixo, para os concellos, xa que, por si solos "seríalles imposible realizar certas inversións". 

Por este mesmo motivo, desde a toma de posesión como alcalde, Cesar Fernández asegurou que percorreu todos os despachos da administración galega na procura de axuda económica. O primeiro edil de Ribadavia dixo estar contento de que "este traballo empece a dar os seus froitos, desexando que este sexa o comezo de outras moitas inversións que se esperan tanto por parte da Xunta de Galicia como da Deputación provincial de Ourense".

Te puede interesar