Un técnico de Castrelo traballa como voluntario en Nicaragua

Un traballador do departamento de Turismo de Castrelo de Miño participará no programa 'Vacacións con Traballo' que é unha iniciativa de voluntariado internacional do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa, dirixida ós técnicos das administracións locais e provinciais socias da entidade, ofertaba este ano tres prazas en Cabo Verde e unha en Nicaragua. As persoas seleccionadas investirán o seu mes de descanso colaborando cos parceiros do Fondo Galego nestes países, onde compartirán coñecementos teóricos e prácticos.
Para esta sexta edición, foi seleccionado Diego Sánchez Calviño, traballador do Concello de Castrelo de Miño, que colaborará co Instituto de Promoción Humana (Inprhu) en Nicaragua, parceiro tradicional do Fondo Galego, ao que apoiará como técnico de turismo.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 concellos e ás catro deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade.

Te puede interesar