O alcalde confía en que a Xunta consigne os cartos para a súa apertura

As termas de Cortegada precisan de 300.000 euros

Instalacións do novo balneario de Cortegada. (Foto: MARTIÑO PINAL)
As obras de mellora e ampliación que son necesarias para a apertura do novo balneario de Cortegada ascenden a uns 300.000 euros, segundo o proxecto que foi encargado polo Concello. Estes traballos son precisos para correxir as deficiencias detectadas polos técnicos e que son debidas ó prolongado peche das instalacións, que foron rematadas xa hai 10 anos pero que nunca abriron as súas portas.
O complexo termal abarca unha superficie total de 90.000 metros cadrados, incluindo os 4.000 do antigo balneario, ubicado na beira esquerda do río Miño, e foi construido ó traverso da incorporación de 50 fincas privadas que mercou o Concello. O alcalde do municipio, Avelino de Francisco, suliña que 'nós carecemos de fondos para afrontar a execución do proxecto, e por iso confiamos en que a Xunta consigne esa cantidade para que as termas poidan abrir de xeito definitivo'.

Neste sentido, o rexedor do PSdeG-PSOE lembra o acordo acadado o pasado día 11 polo pleno do Parlamento de Galicia. Na sesión desa data, os tres grupos políticos (PP, PSdeG e BNG) apoiaron de xeito unánime unha proposta presentada pola 'popular' Natalia Barros, na que se insta ó Goberno de Núñez Feijóo 'a levar a cabo obras de mellora e ampliación no novo balneario de Cortegada', co obxectivo de poñelo en funcionamento.

A construcción do novo centro termal, en 2002, supuxo un investimento de dous millóns de euros, que foron aportados íntegramente pola Dirección Xeral de Turismo, organismo que entregou o edificio á Fundación Balneario de Cortegada, que preside Avelino de Francisco. Nembargantes, a execución dos traballos carecía da correspondente licencia municipal e, por elo, as instalacións non puideron ser abertas ó público. O Concello, en marzo do pasado ano, aprobou finalmente en Xunta de goberno un plan parcial para legalizar a urbanización.

Te puede interesar