“Acompañamento dixital” a veciños de 20 concellos

Poderán solicitar nos municipios os programas de Benestar da Deputación

Os veciños sen habilidades para o acceso ás novas tecnoloxías de vinte concellos da provincia poderán, a partir do 1 de xullo, solicitar desde os servizos sociais municipais os programas de Benestar que ofrece a Deputación. “Administración con acompañamento dixital” é o nome do convenio asinado onte no centro cultural Marcos Valcárcel entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os alcaldes e alcaldesas dunha vintena de municipios. “Cero papel, cero quilómetros, cero desprazamento e cero exclusión social” é a filosofía deste plan, según asegurou Baltar.

Deste modo, a veciñanza será atendida no seu concello como se a solicitude fose tramitada pola administración electrónica. Para iso, nesta semana un total de 34 técnicos municipais dos concellos asinantes serán dados de alta no sistema de acompañamento dixital e poderán cumprimentar as solicitudes, imprimilas e axudar ós cidadáns a presentalas físicamente no rexistro electrónico.

“Isto é cooperación e vai na andaina de prestar os mellores servizos públicos ás persoas e colectivos en risco de exclusión social”, sinalou Baltar.  Os concellos asinantes foron Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Entrimo, Lobeira, Lobios, Padrenda, Pereiro de Aguiar, Petín, Pobra de Trives, Sarreaus, Riós, Trasmiras e Xinzo de Limia, así como outros cinco de modo indirecto: Beariz, Boborás, O Irixo, Piñor e San Amaro, a través da Mancomunidade do Carballiño.

Outras 30 solicitudes

Outros 30 concellos da provincia xa manifestaron o seu interese por incorporarse a este programa. “Moitos veciños dos concellos asinantes poderán presentar as solicitudes de axudas sociais sen ter que desprazarse ata a capital, sen papeis, sen necesidade de que saiban ou poidan utilizar a administración electrónica, é dicir, sen discriminar a ninguén dixitalmente”,  dixo o presidente da Deputación. A próxima semana abrirase unha oficina con administración híbrida para cidadáns sen certificado dixital.

Te puede interesar