A Aemet eleva a nivel vermello a alerta por altas temperaturas na zona Ourense Miño para este domingo

Termómetro en la rúa da Concordia (Foto: Martiño Pinal)
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) elevou a nivel vermello a alerta polas altas temperaturas para este domingo na zona de Ourense Miño, mentres que boa parte de Galicia continúa en alerta laranxa pola calor, polo que a Xunta reitera a importancia de seguir as recomendacións establecidas para este tipo de casos.
Así, o Goberno galego incide en consellos como evitar saír á rúa nas horas centrais do día, protexerse do sol e beber abundantes líquidos.

A Aemet advertiu dun episodio meteorolóxico adverso por temperaturas máximas de nivel vermello que afecta a Ourense Miño dende as 13.00 horas ata as 20.00 horas deste domingo. Ademais, o nivel laranxa mantense nas zonas interior e sueste de A Coruña, Sur de Lugo; noroeste e Valdeorras en Ourense; e nas Rías Baixas, Miño e interior de Pontevedra.

Ante este episodio de temperaturas máximas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta recomenda limitar a exposición ao sol; ter en conta que ao saír ao exterior se producen cambios bruscos de temperatura; tomar comidas lixeiras e regulares, bebidas e alimentos ricos en auga e sales minerais, como froitas e verduras, que axuden a repoñer os sales perdidos polo suor; vestirse con roupa axeitada de cores claras; evitar exercicios físicos prolongados; e non deixar nenos nin persoas maiores no interior dun vehículo pechado.

Te puede interesar