Arte et Alia

Ariadna Silva e Prexigueiro, bosques ameazados e salutíferas augas

A exposición de Ariadna Silva.
photo_camera A exposición de Ariadna Silva.

Cunha exposición que podería titularse “Contra o Esquecemento do Bosque Atlántico” preséntase na Galería Marisa Marimón a talentosa fotógrafa Ariadna Silva Fernández. Detrás dela hai unha acción de curación persoal, de introspección e reflexión dende o seu “conflicto interno provocado por la implicación familiar en la industria forestal en décadas pasadas”, como ten escrito. Da importancia do monocultivo en Galicia fala a extensión que ocupa nas provincias da Coruña e Pontevedra, principalmente, e o norte da de Lugo, ademais de puntos no noroeste ourensán. Eis arredor do 20 % do territorio, un medio millón de hectáreas...

Natural da Estrada (Pontevedra, 1996), o seu berce familiar está no territorio afectado pola explotación madeireira do monte. Así o expresa cos fotomontaxes dos rostros da familia, situado na segunda sala da galería. Na primeira, lugar habitual das mostras, amosa un elenco fotográfico ben definido no que recolle os antepenúltimos espazos de bosque de biodiversidade. Velaquí é onde está a “reflexión sobre las consecuencias provocadas por la industria del eucalipto en Galicia y la consiguiente desaparición del bosque autóctono”. Mais a autora non precisa lugares xeográficos, quedándolle así desactivado o de “Cartografía” para converterse en recurso á metáfora. A exposición chega dende My Name’s Lolita Art, PhotoEspaña, Madrid, e logo do percorrido en diversas publicacións. Como documental ten estado no Festival de Cans 2020 e no Vía XIV- Festival Internacional de curtametraxes, Verín. A creadora ten o Grado en Comunicación Audiovisual, pola USC e a Universitat Oberta de Catalunya, onde lle deron o premio ao mellor traballo final. Levou o primeiro premio da foto Rapa das Bestas 2016 e foi gañadora do Xuventude Crea 2019 da Xunta de Galicia xa con “Cartografía do esquecemento”. Ao saírmos, “Atoms” de Ludovico Einaudi, cun vídeo na súa liña, completa.

Prexigueiro

Prexigueiro, Ribadavia.

Achamos aquí as augas termais da vila capital de Ribadavia, na rexión demarcada D.O. Ribeiro. As árbores da propiedade e da contorna, e as pozas nunha disposición en niveis, con rochas no medio delas, conforman unha disposición ideal para que a través do diálogo coa natureza, xurda o ser profundo nunha disposición de calma. Eis o principal obxectivo que a través da auga se busca para todos os que nos achegamos ás instalacións balnearias. Pensadas para a saúde dende a auga, Salus per Aquam, SpA, dende o relax. Os principios do Xapón ancestral nas termas/onsen, e pozas/rotenburo en número de oito, para o circuito sanador cunha referencia explícita ao Camiño/kodo Kumano, en irmandade co de Santiago dende fai anos, pozas cos nomes dos templos xaponeses da rota de peregrinación. No interior do edificio das antigas bañeiras as salas levan a denominación das parroquias próximas, Pazos de Arenteiro, San Xés de Francelos e Ribadavia. A disposición estructural é do estudo do arquitecto Álvaro Varela de Ugarte, de quen tamén son a Chavasqueira e Outariz en Ourense, “La Casa del Agua” na Coruña ou o balneario de Mondariz. Eis unha estación de referencia en Ourense do concepto turístico xeodestino Ribeiro-Carballiño. Percorrer este recuncho comarcal con acougo, admirando o rico patrimonio cultural e disfrutando da singularidade enogastronómica, en equilibrio coa natureza, é arte maior.

Te puede interesar